Propostas para recuperar as rías: ENCE fora de Pontevedra e plan integral de saneamento
Ana Pontón: “As rías galegas merecen máis que un Goberno que desaproveita a súa riqueza e bota a perder miles de postos de traballo”
O BNG celebrou a VI Xornadas Parlamento Aberto para abordar a situación das rías galegas cun panel de expert@s, representantes do sector pesqueiro e marisqueiro e responsables políticos, e reclamou o saneamento e rexeneración integral das rías, que leva vinte anos de retraso.
“Un ecosistema único, seguramente o principal motor económico do país e a empresa máis importante que ten Galiza, pero o saneamento e a rexeneración integral das rías é unha asignatura pendente”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na apertura da xornada, onde criticou a incompetencia política do Goberno de Feixóo que dilapida miles de empregos.
“As rías galegas merecen moito máis que un Goberno que desaproveita a súa riqueza, incapaz de completar o saneamento integral das súas augas. E as consecuencias son evidentes: redución da actividade produtiva pesqueira, marisqueira e acuicola, perda de miles de postos de traballo, problemas de contaminación ambiental, cuantiosas perdas económicas tanto polo que se deixa de ingresar como polas multas a pagar por non cumplir a normativa”, alegou Pontón.
Na Ría do Burgo, toneladas de lodos tras anos anos de espera por unha actuación de dragado e recuperación integral. Na de Ferrol, desapareceron máis de 3.000 especies pola contaminación e a Ensenada da Malata o a de Caranza figuran case sempre na lista de puntos de maior contaminación do litoral galego.
No caso das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo a produción de berberecho case desapareceu, -cunha caída do 93%-, a producción de ameixa caiu un 28% e a produción de vieira un 57%. “E mentres, ENCE segue na Ría de Pontevedra cunha prórroga indecente, contaminando e destruíndo centos de empregos, pero esa batalla ímola ganar”, subliñou Pontón.
Propostas urxentes
Para mudar a situación das rías, o BNG lanza unha batería de propostas. Un Plan xeral de saneamento como prevé a normativa galega e, dunha vez por todas, completar a limpeza integral das augas. ENCE fora da ría e actuacións de rexeneración que pasen por eliminar vertidos, realizar dragados e unha rede de depuración en todo o litoral.
Igualmente, competencias plenas para Galiza en materia de augas e competencias en salvamento marítimo, “porque xa vimos as dramáticas consecuencias de que decidan desde Madrid sobre as nocas costas”, alegou, e unha aposta contundente polo sector pesqueiro e marisqueiro e pola acuicultura extensiva.
Pontón indicou que a situación das rías é unha evidencia máis da discriminación do Estado con país. “PSOE agora, como antes o PP, ignoran os intereses dos galegos e das galegas. Nada se fai por sacar a contaminación de ENCE de Pontevedra, nada por dragar a Ría do Burgo, nada por acabar coa estafa das peaxes, nada para garantir a devolución do Pazo de Meirás, nada para evitar o espolio enerxético”, por iso, “é máis necesario ca nunca un proxecto político que teña Galiza como único referente, como é o BNG”, concluíu.