Propoñemos a participación directa da veciñanza nas decisións importantes dos concellos

Vence: “Hai que romper a cadea de mando vertical que defende Feijóo cando clama por maiorías absolutas para ter concellos obedientes a PP”

Asegura que “o servilismo” de Feijóo a Madrid terá clara contestación o 24M

Consulta popular simbólica en Santiago sobre o cobro do IBI á Igrexa ante a hospedaría de San Martiño Pinario

BNG-Asembleas Abertas aposta pola participación directa da cidadanía na toma de decisións importantes no seu concello e presentou a proposta do seu programa electoral municipal para articular esta participación, que pasa pola celebración de consultas populares ou referendos naquelas cuestións decisivas. Pretende así xeneralizar experiencias participativas, incluíndo as decisións sobre os orzamentos, que xa práctica en moitos concellos nos que goberna.

“Ten que mandar a cidadanía, a orden ten que vir de abaixo arriba e non ao revés. Hai que romper esa cadea de mando vertical que converte os concellos en estruturas ao servizo do poder central e dos poderes económicos. Iso garántase con máis transparencia, participación cidadán e con máis protagonismo no proceso de toma de decisións”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, na consulta popular simbólica sobre o cobro do IBI á Igrexa celebrada ante a hospedaría de San Martiño Pinario.

Vence deixou claro que esta proposta do Bloque está nas antípodas da apelación de Feijóo ás maiorías absolutas como suposta garantía de estabilidade que evitar imposicións.

“A verdadeira imposición chega dos poderes económicos e de Madrid, que Feijóo acepta con total submisión porque actúa como auténtico recadeiro, como auténtico criado, como mercenario ao servizo dos poderes económicos que desde Madrid ditan as políticas de privatización para os concellos”, denunciou.

“Feijóo clama por ter maiorías absolutas precisamente para impoñer decisións verticais de arriba abaixo e garantir que os concellos do PP sexan absolutamente obedientes”, advertía.

A mellor maneira de combater ese “espírito servil” é dinamitar esa “estabilidade paralizante” das maiorías absolutas do PP.

“É o cumpre evitar o 24 de maio”, recalcou Vence, “porque Feijóo non ten ningún éxito que reivindicar e a cidadanía deixará constancia deste fracaso nas urnas, rexeitando unhas políticas que se impoñen a beneficio da banca e das grandes empresas que ditan as políticas económicas da Xunta e dos concellos”.

O dirixente nacionalista insta a frear desde os concellos as consecuencias de anos “de submisión” a Madrid, que ten provocado o desmantelamento do noso sistema financeiro, dos servizos sociais de proximidade, esnaquizado os sectores produtivos, e o desmantelamento de servizos básicos como a educación e a sanidade”.

En contraposición ao PP, Vence puxo en valor a alternativa de cambio que representa BNG-Asembleas Abertas en todo o país, cun proxecto nacionalista para o conxunto de Galiza, que non é sucursal de ningún partido estatal con sede en Génova, Ferraz, ou na Complutense.

200.000 euros anuais

No referendo simbólico celebrado en Compostela depositaron a papeleta na urna ademais do cabeza de lista por Santiago, Rubén Cela, o candidato de BNG-Asembleas Abertas en Vigo, Serafín Otero; Rubén Arroxo, Lugo; e Susana García, por Ourense, xunto con Vence e moitos veciños e veciñas da cidade.

Cela indicou que o BNG, cando comece a gobernar, implementará unha consulta popular sobre se a Igrexa católica debe pagar o IBI por aquelas propiedades exentas de culto ou de función social. “Non pedimos que a Catedral nin os bens de culto paguen o IBI, nin os colexios, nin a Cociña Económica nin o Albergue; reclamamos que as leiras, prazas de garaxe, pisos, establecementos hostaleiros paguen os impostos que lles corresponden”.

As estimacións do tesoureiro municipal revelan que estes ingresos que o Concello de Santiago deixa sen percibir superan os 200.000 euros anuais.