Propoñemos a creación dun Consello Galego de Persoas con Discapacidade
- O BNG recolle o malestar de asociación de discapacitados e colectivos de enfermos porque as leis nin se cumpren nin se dotan con orzamentos
Noa Presas, cabeza de lista do BNG ao Parlamento galego, escoitou hoxe a distintas organizacións de axuda a persoas con discapacidade e colectivos de persoas afectadas por enfermidades. A candidata nacionalista comprometeuse a seguir loitando ao lado das asociacións para que as leis se cumpran e a promover a dotación orzamentaria necesaria para facelas efectivas.
Presas avanzou que o BNG proporá durante a próxima Lexislatura a creación dun Consello Galego de Persoas con Discapacidade. E engadiu que “se trata de formar un órgano paritario no que a Administración e as asociacións traballen de maneira conxunta para solucionar cuestións como os incumprimentos das leis ou as insuficiencias orzamentarias”.
E tamén se expresaron queixas pola política de subvencións da Xunta, que adía o reparto das axudas “afogando” financeiramente as asociacións; ou polo constante relevo do persoal de atención, que esixe a propia Administración, e que ocasiona problemas tamén de carácter emocional e esixe unha constante adaptación ás persoas que reciben o servizo.
Presas recordou que o BNG aposta por consolidar un Servizo Galego do Benestar que poida facer, no ámbito dos servizos sociais, o papel do Sergas.