Programa do BNG: pór Galiza a producir, protexer servizos públicos e avanzar cara a soberanía

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, anunciou que os eixos centrais do programa co que concurrirán aos comicios do 21 de Outubro van ser poñer o país a producir, protexer os servizos públicos e dignificar a democracia.

Jorquera, que participou nunha charla-coloquio en Vigo para manter un diálogo directo coa sociedade e presentarlle as liñas xerais do programa, explicou que o BNG vai poñer o acento nun cambio radical das políticas económicas que aposte polo desenvolvemento pleno do tecido productivo do País.

O candidato do BNG á presidencia da Xunta afirma que a enquisa coñecida hoxe apunta a unha caída de 3 puntos do PP, o que explica o interese da dereita de fraccionar o voto da oposición

O candidato nacionalista afirmou que os tempos actuais precisan de algo máis que dunha “alternancia” no goberno, requiren cambios neses gobernos que se traduzan en cambios rotundos na orientación das políticas que está a aplicar a dereita e que o único que traen consigo son máis recortes e empobrecemento da sociedade.

Hai partido e o BNG traballará para concentrar o voto nacionalista e de esquerdas

Para Jorquera, fronte a estas políticas, que tentan utilizar a crise como pretexto para impoñer o modelo que lle interesa á dereita, o BNG tamén ten como prioritario a defensa e proteción dos servizos públicos e as políticas sociais, “pois son fundamentais para o benestar da xente e neste momento están sendo desmantelados para facer do ensino e da sanidade, por exemplo, un negocio”.

Outro dos eixos sobre os que xirará o programa nacionalista ten a ver coa rexeneración democrática, explicou o candidato do BNG, quen advertiu da perigosa política na que está inmersa a dereita de degradación da democracia e das institucións.

“Hai que facerlle fronte -dixo- e iso pasa tamén por afortalar o autogoberno e avanzar cara a soberanía, porque a crise está evidenciando que a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia e a que as decisións que tan directamente afectan aos cidadáns se tomen en ámbitos que non emanan da vontade democrática dos pobos”.

Neste sentido, Jorquera lembrou que é fundamental que Galiza teña o control da súa propria economía, de aí a necesidade dun Banco Público,

e dos seus recursos para poder xerar emprego e garantir o benestar colectivo.

Enquisas

A preguntas dos xornalistas, sobre os dados dun inquérito publicado hoxe por un medio de comunicación galego, Jorquera chamou a atención en que segundo eses dados o PP perde tres puntos en porcentaxe de voto pero consolida a maioría absoluta cun escano máis, “o que explica por que a dereita ten tanto interese en fraccionar o voto da oposición e en promover outras alternativas que dispersen ese voto”.

Para Jorquera, hai partido e o BNG traballará por concentrar o voto nacionalista e de esquerdas.

O candidato nacionalista afirmou que o BNG coñece outros inquérito que demostran que a organización está forte e en claro proceso de recuperación, “así o percibe a sociedade. Os galegos e galegas saben que somos a garantía dun cambio real e que o único voto realmente alternativo en Galiza ten un nome, Bloque Nacionalista”.

Neste sentido, concluiu asegurando que o BNG é a garantía de que en Galiza non pase o que pasou en Extremadura, “onde unha forza de esquerda entregou o goberno ao PP”, nin o que pasou en Andalucía, “onde se conformou un goberno para aplicar políticas de recortes. Galiza necesita un goberno insumiso aos recortes e iso só o garante o BNG”.