O Presidente de SEPI admite ao BNG "a nula contratación de barcos" para Navantia

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, cualificou esta tarde de “moi clarificadora” a intervención do Presidente de SEPI en relación ao sector naval público Navantia.

Ramón Aguirre recoñeceu na súa comparecencia, a solicitude do BNG, que “a grande preocupación do grupo SEPI está en Navantia con case nula contratación de barcos e escasez de carga de traballo”. Afirmou que “avanzamos no Tax Lease, cumprimos coa consulta do dique flotante e coas consultas sobre a limitación de construcción civil”, e aínda “estamos pendentes dos contratos de Pemex”.

A deputada do BNG tildou de “clarificadora” a intervención do Señor Aguirre no que atinxe ao sector naval público. “En Galiza existe unha grande preocupación porque moito nos tememos que isto signifique o peche definitivo de Navantia Ferrolterra”.

Dique flotante, floteis, Tax Lease e situación de Navantia Ferrolterra

Reprochou ao Presidente da SEPI que todo o tema do dique flotante o deixe nunha mera consulta. “Que nós saibamos só presentaron unha consulta formal á UE, tarde, mal e arrastro para ver se é contrario á normativa europea. Pero díganos, hai resposta? Que di a UE? Por que non hai partida para esta actuación?”. Nesta cuestión, Ramón Aguirre indicou a Rosana Pérez que “aínda non contamos con ningún tipo de resposta por parte da UE”.

Asemade, a deputada do BNG denunciou que “un ano máis tarde seguimos sen sabe nada dos floteis de PEMEX. Das trece propostas de floteis, resulta que se preseleccionaron 11, e temos as mesmas posibilidades que as demáis empresas”.

O Presidente de SEPI admitiu que contaban con ter os contratos con PEMEX este ano, e sinalou que “hai un retraso no procedemento concursal en México”, engadindo que “estamos a expensas da parte mexicana”.

A pesar deste recoñecemento concluiu que “non temos ningunha dúbida de que os contratos con PEMEX entrarán en vigor, tanto para a Ría de Vigo como para Ferrol”.

No que atinxe ao Tax Lease, Rosana Pérez recoñeceu os avanzos mais “sucede que os estaleiros galegos, sobre todo os de Vigo, seguen sen poder pechar pedidos porque aínda non está confirmada a cantidade de sanción a pagar pola aplicación do anterior Tax Lease. Nun escenario no que os bancos pecharon o grifo aos estaleiros ate que non se resolva o que hai que pagar polo anterior Tax Lease”.

A deputada do BNG preguntou poñas liñas de crédito ICO. “Contempla o Goberno algunha alternativa ou medida para facilitar o crédito?”. Ramón Aguirre tamén recoñeceu os problemas cos bancos pero dixo que “Navantia non ten problemas polo impacto do Tax Lease”.

Por último, a deputada do BNG aludiu á carta que o Presidente de Navantia remitiu aos traballadores de Ferrolterra para alertalos da delicada situación e trasladarlles que haberá un novo Plan estatéxico. “Cando se fala de Plan Estratéxico en Galiza pensamos enseguida en axustes laborais e despedimentos”, dadas as reconversións navais sufridas. E reprochou ao responsábel da SEPI que se alegue falla de competitividade cando “vosté e o Presidente de Navantia algunha responsabilidade terán”. Preguntou a Ramón Aguirre cando se vai pór en marcha o Plan estratéxico e cantos postos de traballo se van suprimir.

Lembrou que o Ministro Montoro dixera en febreiro no pleno en resposta ao BNG que “en marzo estarían cortando chapa. E resulta que a día de hoxe non se está cortando chapa e hai moitos despedimentos nas empresas auxiliares”.

Rosana Pérez criticou os irrisorios orzamentos da SEPI para o 2014 en relación a Navantia. “Un total de 15,4 millóns, cuxo groso vai parar a un programa de I+D+I, consumindo en 2014 uns 5,8 millóns. O resto son pequenas partidas relacionadas co mantemento de Navantia. Pois é todo o que temos para o naval”.

Finalmente, e a preguntas da deputada do BNG, o Presidente de SEPI dixo que os problemas no naval “se centran na carteira de pedidos de nova construcción”, aludindo aos floteis de PEMEX, á renovación do contrato coa armada australiana, e aos pedidos do concurso da armada turca ou de Qatar.