Presas: “A Xunta de Galiza non pode actuar como mero espectador con respecto a UNITONO”
A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, amosou a súa preocupación co futuro da Plataforma Unitono en Ourense. Asemade, fixo un chamamento á Xunta de Galiza para que descolgue o teléfono e fale coa empresa Naturgy polo abandono no mes de novembro da Plataforma no que traballan a redor de 120 persoas.
O pasado mes de abril, a deputada do BNG, Noa Presas, levou ao Parlamento de Galiza unha proposición non de lei demandando ao goberno galego “realizar as xestións necesarias para garantir a actividade e os postos de traballo na empresa Unitono” situada no Parque Tecnolóxico de Ourense. A proposta do BNG foi aprobada por unanimidade na cámara.
Presas amosou a súa preocupación ante o inminente abandono da Plataforma por parte de Naturgy, que rescinde o contrato a partires do mes de novembro. Tamén amosou a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores da Plataforma Unitono e advertiu á “Xunta de Galiza que non pode actuar como mero espectador e esperar a que isto aconteza”.
“A Xunta de Galiza ten que levantar o teléfono e reunirse con Naturgy, negociar con ela e esixirlle á empresa que ten que manter este contrato coa Plataforma” sinalou a deputada do BNG, Noa Presas. Sinalou que Naturgy estase a lucrar dos encoros da circunscrición de Ourense ademais de afirmar que “ten que manter si ou si a actividade relacionada co cliente na nosa provincia”.
Historicamente Unitono acolleu a atención ao cliente dos servizos de enerxía eléctrica do mercado regulado estatal e tamén, en menor medida, atención ao cliente de Portugal, onde comezou a implantarse unha vez liberalizado o mercado luso.
Ante o risco de deslocalización da empresa, o comité convocou dous paros parciais os días 8 e 10 de abril secundados polo cen por cen do cadro de persoal. Para unha nómina de 700 euros, explicou Presas, participar nas mobilizacións non foi fácil pero os traballadores e traballadoras de Unitono, unha vez máis demostraron “unha grande valentía na súa resposta”.