Noa Presas reclama a Sanidade un reforzo mínimo para que Ourense teña “unha verdadeira UCI de nivel II e non unha UCI de segunda”
A deputada do BNG Noa Presas emprazou á Consellería de Sanidade a “asumir os seus erros e corrixir as deficiencias de persoal e material da nova Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Complexo Hospitalario de Ourense. Trátase, reclamou, dun “reforzo mínimo” para que o CHUO teña “unha UCI de nivel II e non unha UCI de segunda”.
Presas advertiu no Pleno dos problemas de seguridade e sobrecarga laboral que vén denunciando o persoal da UCI dende a reforma deste servizo, unha “boa nova sobre o papel” que na práctica adoece dos recursos precisos. A nova UCI, subliñou, abriu hai catro meses, o mesmo tempo que o persoal leva dirixíndose á xerencia do hospital e mobilizándose para advertir das “deficiencias materiais e procedimentais” detectadas tras o traslado ás novas instalacións.
“Coa nova estrutura, ao haber máis illamento (dos pacientes) e pola disposición, precísase máis persoal para atender o servizo”, explicou a deputada nacionalista, que demandou un enfermeiro ou enfermeira máis por quenda e un celador ou celadora a maiores na quenda matinal.
“Señor conselleiro, comezou vostede a súa andaina afirmando que había que coidar a quen coida, pois hoxe ten a oportunidade de demostrar que non eran palabras baleiras”, díxolle Presas ao novo titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao que instou a deixar a un lado a “soberbia” e a escoitar aos traballadores e traballadoras que están reclamando melloras para que a calidade do servizo na UCI non se vexa deteriorada.
O BNG non pon en cuestión as novas instalacións, que son precisas “moi especialmente nun hospital como o de Ourense que basicamente é o dos remendos” , aclarou Presas, advertindo que “é de malos xestores investir oito millóns de euros e que haxa os problemas materiais que denuncia o persoal, e que se incumpra o rateo de persoal recomendado”.
“Pensan vivir eternamente a expensas da sobreexplotación do persoal?”, preguntou a continuación a deputada ourensá, que criticou á dirección “soberbia e autoritaria” do CHOU por non escoitar ao persoal “a pé de cama”, encargado de xestionar no día a día a atención aos doentes.
A deputada nacionalista lembrou ademais ao conselleiro que este non é o único conflito aberto na sanidade pública de Ourense, onde tamén está a protestar a persoal de urxencias, a comisión de centro, o colexio de médicos, ou o persoal de Atención Primaria. “Cando hai tantas voces e tan diferentes poñendo en riba da mesa a saturación e a falta de persoal na cidade ourensá é porque hai un problema real que vostedes non queren ver”, concluíu Noa Presas.