As pragas da pobreza e o despoboamento levan camiño de converter a Ourense nun auténtico deserto
Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, cualifica a situación do país de emerxencia nacional e apela a aqueles que apostan porque Galiza volva a ter unha voz propia que sexa quen de determinar as políticas do Estado.
Diego Lourenzo, tenente alcalde de Verín, Raquel Vázquez, militante do BNG, e Francisco García, alcalde de Allariz, completan a lista ao Congreso que volve a encabezar Noa Presas.
Ana Pontón abundou nesta cuestión recordando que os datos sobre pobreza son alarmantes e deixan ao descuberto o fracaso do modelo de Feijoó e Rajoy e das políticas da austeridade, e cualificou a situación como de emerxencia nacional.
Pontón apelou a todos aqueles que queren apostar porque Galiza volva a ter unha voz propia que sen dependencias de ningún partido estatal defenda os intereses dos galegos e galegas para recuperar entre todos a voz que durante vinte anos mirou por nós e conseguiu cousas moi positivas cando tivo a oportunidade de determinar a política do Estado.
O acto celebrouse no Claustro de San Francisco, na cidade de Ourense, un espazo que segundo Noa Presas, é unha metáfora do que ven sucedendo en Ourense e mesmo da perda de tempo á que estivemos sometidas nos últimos meses. Este recinto estivo pechado durante máis de dez anos froito do desinterese por esta cidade e por este país das forzas que foron a Madrid a representarnos.
Diego Lourenzo, tenente alcalde de Verín e número dous da lista ao Congreso do BNG, subliñou que o obxectivo é levar outra vez a voz do país ao Congreso dos Deputados a través dunha candidatura forte, plural e representativa da provincia, e engadiu que outros tiveron a súa oportunidade e agora é a nosa quenda. Tamén estiveron presentes no acto Francisco García, alcalde de Allariz e número catro da lista ao Congreso, e o concelleiro do BNG en Ribadavia, Xacobe Rodríguez, número un ao Senado, entre outros membros das listas.