Prado critica ao Goberno do PP unha xestión da 5ª onda “autocompracente, autoexculpatoria e sen solucións”
Propostas: poñer en marcha un sistema eficiente de rastrexo, reforzar a atención primaria e acelerar o proceso de vacinación entre a xente moza
“Non hai ningún centro de saúde co número de profesionais preciso, se queren acabar coa atención primaria están a facelo de libro”, denuncia
Ir por detrás do virus nos primeiros meses da pandemia entra dentro do comprensible, seguir detrás dos virus dezaseis meses despois é unha mostra da ineficacia da xestión do Goberno do PP que, en plena quinta onda, traslada “autocompracencia, autoexculpación e falta de solucións”, sintetizou a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, na comparecencia do conselleiro de Sanidade.
Prado criticou que tendo toda a información sobre a variante delta, incluída a súa maior capacidade de contaxio, a Xunta non tomou as medidas necesarias, nun contexto de vacacións que conleva unha maior relación social, en particular entre o colectivo de xente moza que non conta co antídoto. Pero aínda así, o Executivo de Feixóo segue sen un sistema eficaz de rastrexo e segue sen reforzar a atención primaria.
“16 meses de pandemia non teñen un sistema de rastrexo eficiente, senón descoordinación, confusión no control e no seguimento dos positivos, nos illamentos e nas corentenas. Un sistema baseado na precariedade, na inestabilidade e nos baixos prezos”, describiu Prado, acusando ao Goberno de non tomarse en serio un elemento clave na loita contra o virus como é a localización e seguimento de positivos.
“Nuns casos indican corentena e noutros nas mesmas circunstancias non, persoas desesperadas ante a imposibilidade de contactar co Sergas e ante a falla de indicacións sobre o que deben facer ao dar positivo”, indicou a modo de exemplos. Rastrexo ineficaz e un teléfono 900 previsto para atender aos positivos en antíxenos que responde coa mensaxe de “tente máis tarde”.
“A que agarda para poñer en marcha un sistema de rastrexo co persoal suficiente e formado, na vez de ter xs profesionais de atención primaria facendo esa labor cando non teñen mans para máis?”, interpelou Prado ao conselleiro de Sanidade, tras denunciar a saturación inaceptable da porta de entrada ao sistema.
Neste sentido, denunciou que non hai ningún centro de saúde “co número de profesionais preciso, (...) desde logo se queren acabar coa atención primaria están a facelo de libro”, advertiu, pois poñen en risco a propia “saúde física e mental” do persoal e minguan a calidade asistencial da poboación. Un colapso que se traduce cada vez en máis denuncias, mesmo a través da vía xudicial, como a recente do Colexio Médico de Pontevedra.
“Xa está ben, a posición do PP é letal e teñen á sanidade pública galega en servizos mínimos de xeito permanente, obrigando a practicar unha sanidade de guerra”, denunciou, un persoal exhausto e desbordado en particular nos concellos que aumentan a poboación no verán. Situación que, a súa vez, provoca unha saturación nos servizos de urxencia, tanto nos PACs como hospitalarias.
Neste sentido, propón que os 211 M€ do IVA pendente se destinen a atención primaria, que debe incrementar os seus recursos até acadar o 25% do orzamento total do SERGAS.
En relación ao proceso de vacinación, Prado volveu pedir explicacións pola apertura dunha auto-cita para mozos e mozas de entre 16 e 19 anos o mesmo día que Feixóo anunciaba que non había antídoto para a xente nova, o que provocou unha xustificada onda de críticas e indignación entre a mocidade por un proceso arbitrario e falto de transparencia. Ao tempo que demandou que tanto o Goberno central como a Xunta fagan o necesario para acelerar a vacinación entre a xuventude.
A portavoz de sanidade destacou que as homenaxes están ben, pero o que realmente precisa o sistema público de saúde é reverter os recortes e dispoñer de máis medios económicos e humanos, “as medallas non chegan”, concluíu.