PP vota en contra de recuperar a Tarxeta Básica e o fondo de rescate para axudar ás familias ante a suba das hipotecas
Presas acusa ao PP de “asumir como algo natural” que o 50 % dos fogares non cheguen a fin de mes ou que 420.000 galegas e galegos non poidan pagar a calefacción
Contrapón o modelo do BNG para redistribuír a riqueza e apoiar a quen máis o precisa á política de Rueda, coa que “o rico é máis rico e o pobre, máis pobre”
Os deputados e as deputadas do PP votaron este martes en contra do paquete de medidas proposto polo BNG para axudar ás persoas galegas que peor o están pasando pola actual crise de prezos, rexeitando deste xeito a recuperación da Tarxeta Básica ou un fondo de rescate hipotecario -financiado ao 75 % polas entidades bancarias- para aliviar ás familias diante da suba dos tipos de xuro.
“A crise de prezos é unha realidade que segue connosco cun efecto alongado no tempo que fai que algunhas das consecuencias se fagan crónicas ou se agraven”, advertiu a deputada e portavoz de Economía, Noa Presas, encargada de defender a moción coa que o BNG reclamou tamén, entre outras cuestións, medidas enfocadas a promover o acceso aos produtos frescos e de proximidade con base a criterios de renda.
Presas lamentou que o “Goberno conformista” do PP asuma “como natural e inevitable” que o 50 % dos fogares galegos non cheguen a fin de mes, que arredor de 35.000 persoas non poidan permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días, ou que case 420.000 persoas non poidan permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada.
“Estas consecuencias non son un designio divino, son o resultado do modelo económico e social inxusto” que defende o PP, polo que “os ricos saen máis ricos e os pobres máis pobres”, asegurou a deputada, que contrapuxo ás políticas de Rueda o modelo do BNG, que aposta por redistribuír a riqueza e porque os esforzos se centren en quen peor o está pasando.
De aí as medidas incluídas nunha moción que o Bloque levou ao Pleno consciente ademais de que, segundo as previsións de diferentes organismos e da propia Xunta no proxecto de Orzamentos, haberá ralentización da economía no segundo semestre, arrefríanse as expectativas para 2024 e manterase a inflación, que se reduciu menos do esperado.
Diante da pasividade da Xunta e dunha política fiscal, financeira e económica afastada das maiorías socias, Presas advertiu que as previsións indican que os fogares seguirán perdendo capacidade económica e que permanecerán as carencias e as dificultades para chegar a fin de mes, tendo en conta ademais o endurecemento da política monetaria e a supresión dalgunhas medidas, como as do ámbito enerxético, que se tomaron para conter os prezos.
Aludiu, neste sentido, ao último informe da Rede Galega contra a pobreza, segundo o cal case un cuarto da poboación, o 23,6 % (636.000 persoas) viven en risco de pobreza. “Hai sinais de preocupación, como que os máis pobres estean máis empobrecidos, porque a taxa de privación material social e severa aumenta, alcanzando o 6,3 %”, alertou a deputada nacionalista.
Presas propuxo á Cámara constituír unha mesa de traballo, en colaboración co Consello Económico e Social para impulsar medidas urxentes ante a crise de prezos de cara ao primeiro semestre de 2024. Entre as medidas defendidas polo BNG figuran tamén axudas extraordinarias para que as familias con renda per capita inferiores a 12.000 euros podan facer fronte a gastos escolares, ou a renuncia ás reformas fiscais regresivas que favorecen ás grandes fortunas en detrimento das maiorías sociais “e que supoñen unha drenaxe de recursos públicos para as arcas galegas (uns 500 millóns de euros) nun contexto de volta ás restricións de gasto”.
Axudas fiscais que non chegan nin para dous quilos de carne de tenreira
Diante da resposta do PP á iniciativa do BNG, Presas lamentou a “actitude choromica dunha Xunta que se dedica a mandar cartas ao Goberno do Estado e non a defender os intereses dos galegos con medidas propostas”, ao tempo que desacreditou os beneficios fiscais para a maioría que vende o PP como parte da súa política social. “O aforro para as rendas inferiores a 22.000 euros van ser 20 euros, e iso non chega nin para mercar dous quilos de tenreira ao ano”, espetou