O PP vota en contra de manter o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores
Mon Fernández cualifica de “indecente” falar de conter salarios en plena crise inflacionista e cando as empresas do IBEX superan os 55.000 M€ de beneficio
BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta actúe decididamente para manter o poder adquisitivo dos salarios, rexeitando calquera pacto de contención salarial que non garanta este principio básico, así como a promover as iniciativas necesarias para elevar os soldos máis baixos, nomeadamente o aumento do salario mínimo ata as cantidades recomendadas pola carta social europea.
Na defensa desta iniciativa en comisión parlamentaria que non prosperou polo veto do PP, o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, apelou á urxencia de facilitar “unha saída xusta e galega da crise”, o que, segundo recalcou, pasa necesariamente polo mantemento do poder adquisitivo dos salarios no actual contexto inflacionista que vén agravar a situación derivada da pandemia, “nun momento non que aínda non nos recuperamos da crise financeira de 2009”.
Neste sentido, advertiu da crecente conflitividade na negociación dos convenios colectivos e apuntou como exemplo aos de residencias, de axuda no fogar ou da limpeza de edificios, sectores moi feminizados, pero tamén ao dos convenios da carpintería e do metal da Coruña, inmersos en mobilizacións e folgas. “Totalmente lóxico -sinalou- porque os convenios máis feminizados apenas superan o salario mínimo, cando o superan, ou cando o salario medio é de 1.650 euros brutos ao mes coas pagas extras prorrateadas nas empresas de carpintería e de 1.760 euros, igualmente brutos e con extras prorrateadas, no caso dun oficial de primeira no metal”.
Logo de lembrar que o IPC en Galiza é máis elevado que no conxunto do Estado, apuntou que, como é o caso, cando o IPC está tan condicionado por produtos de consumo básico como os enerxéticos (cun incremento do 39% en Galiza, fronte ao 33% da media estatal), “os salarios máis golpeados son os máis baixos, porque estas persoas xa non tiñan gastos superfluos, xa destinaban toda a súa renda ao consumo de produtos básicos”.
Para o deputado do BNG, cando se propoñen medidas xenéricas como un pacto de contención salarial, independentemente de que o salario sexa de 3.000 ou de 500 euros, “estase cometendo unha grave discriminación precisamente coas persoas que teñen os salarios máis baixos, normalmente mulleres”, ademais de que, nun contexto inflacionista como o actual, “o que se está propoñendo é lanzar á pobreza a aqueles segmentos da clase traballadora que xa a duras penas chegan a fin de mes”.
Fernández reprobou o que parece en vías de acordo entre PP e PSOE a nivel estatal un pacto de contención salarial, nun momento no que as empresas do IBEX superan os 55.000 millóns de euros de beneficio, o dobre que en 2019, mentres o poder adquisitivo dos salarios cae en picado e a pobreza aumenta en Galiza un 5% con respecto ao ano anterior. “Desde o BNG non podemos cualificar máis que como absolutamente indecente que haxa representantes políticos que nestas circunstancias se atrevan tan sequera a propoñer que hai que restrinxir a suba dos salarios”, sentenciou con severidade.
Neste sentido, recordou que en Galiza, as rendas do traballo representaban o 48% do PIB en 2009 fronte ao 52% das rendas do capital, mentres que en 2020 estas últimas xa subiron ata o 54%, fronte ao 46% das primeiras. Fronte a esta realidade, Fernández insistiu na necesidade de promover actuacións destinadas a garantir o poder adquisitivo dos salarios e a elevar o salario mínimo interprofesional ata o que recomenda a carta social europea, que é o 60% do salario medio e que hoxe en día serían catorce pagas de 1.167 euros brutos, unha contía á que, segundo reiterou, non chegan sectores como o da limpeza, a axuda no fogar ou o das residencias.
“Canto poder adquisitivo, calculan eses representantes políticos que falan de contención salarial, deben perder estes salarios para saír da crise e salvar os beneficios empresariais”, concluíu.