O PP vota en contra de incrementar a rede pública de escolas infantís
A deputada do BNG, Olalla Rodil reclamou incrementar as prazas nas escolas infantís ante a grande demanda de país en nais para facilitar a conciliación e o PP vota en contra de poñer en marcha “un Plan” para dotar as contornas empresarias e polígonos industriais deste recurso educativo.
Na súa intervención, a nacionalista explicou que nas últimas semanas “as familias comezaron a solicitar praza nas escolas infantís para o próximo curso con ringleiras de persoas que agardaban para poder inscribir as súas fillas e fillos nalgunha das escolas infantís galegas”, pero moitas quedaron xa sen praza.
En Galiza, dixo, existe un déficit de prazas en escolas infantís especialmente públicas, sobre todo despois de aprobarse a gratuidade nos centros de 0 a 3. As Escolas infantís, “son un recurso educativo”, pero tamén “un servizo de conciliación esencial para moitas nais e pais que teñen que facer auténticos malabares para poder coidar e traballar”.
Rodil salientou que nos últimos 6 anos “o Goberno do Partido Popular só construíu 2 centros novos da Rede de escolas infantís públicas coñecidas como Galiñas Azuis” e na actualidade, Galiza conta cunha Rede de escolas infantís con 147 centros, “ unha cantidade claramente insuficiente” porque en Galiza hai “63.377 nenos e nenas menores de 3 anos”.
Por outro lado criticou que o goberno do PP suprimira a liña de axudas, no ano 2019 para promover a creación de escolas infantís nas contornas laborais e polígonos industriais.
Tras a intervención da portavoz popular, Raquel Arias que recoñeceu a insuficiente oferta de prazas nas escolas infantís pero loubou o traballo do goberno nesta materia, a nacionalista volveu a criticar que en seis anos “a Xunta só construíu dous centros e o PP non pode seguir escusándose en que noutros lugares como Madrid ou Cataluña están peor neste ámbito, agás en Euskadi por telas inxerido na rede de escolarización ordinaria”.
Un problema evidente que a Xunta persiste en negar
Rodil insistiu en que o problema da falta de prazas “é real” e existe unha maior demanda pola gratuidade de 0 a 3 pero existe unha gran “escaseza de prazas” reiterou. Segundo os datos da propia Xunta, no ano 2017 había 11.473 familias solicitantes e só puideron admitir 3.489 pola falta de prazas, quedando 7.700 fóra. Antes de ser gratis xa había, polo tanto, case 8.000 persoas sen praza en toda Galiza. A grautuidade é unha boa medida, pero tamén hai que dar alternativas e na actualidade a oferta pública, municipal e privada non pode asumir máis que a metade da poboación galega e isto quere dicir que hai anos moitas familias non podían pagar este servizo e tiñan que “conciliar facendo malabares” ou pedindo axuda aos avós e aboas e hoxe, “temos xente que queda fóra porque non sabemos onde poder metela”. Nseta eiva, dixo, e onde queremos poñer o foco e centrar as nosas propostas.
A nacionalista considerou boa noticia a construción de dez casas niño pero o que sucede, matizou, é que atenden a concellos de menos de 5.000 habitantes no rural galego. Onde temos a maior presión con máis de 5.000 habitantes como Oleiros ou na Barbanza, “un neno ou nena menor de 1 ano non ten praza pública”. Nesta liña, celebrou o anuncio da portavoz popular da nova escola infantil na Cidade da Xustiza de Vigo pero avogou “por un plan para priorizar as comarcas e concellos con maior déficit de prazas” atendendo a súa demografía.
O PP rexeita incrementar a Rede pública de escolas infantís
A maiores, Rodil criticou os “estritos” requisitos exixidos pola Xunta na liña de axudas para situar as escolas infantís nas contornas laborais e recriminou á portavoz popular que amosara a súa satisfacción pola eliminación desta liña de axudas. Si realmente era tan difícil acceder a elas, explicou a deputada do BNG “porque non se cambian para facilitar aos traballadores e traballadoras a posibilidade de contar con escolas infantís nas proximidades dos seus postos de traballo?”. Si ninguén solicitaba as axudas polas dificultade dos requirimentos, porque non modificamos esa orde de axudas?. Utilicen as subvencións das casas niño e destinen esas axudas ás zonas industriais onde se concentran a maior parte da poboación traballadora.
A deputada do BNG lamentou que o Partido popular rexeitara a proposta nacionalista opoñéndose a facilitar que un gran número de país e nais poidan conciliar e acceder á rede pública das escolas infantís.