O PP vota en contra de garantir o transporte público no ámbito rural para o estudantado
A deputada do BNG, Cristina Fernández demandou un servizo de transporte público no ámbito rural para o estudantado de etapas de ensino postobrigatorio, proposta que foi rexeitada polo Partido popular.
Na defensa da iniciativa a deputada afirmou que as reclamacións son reiteradas tras a reorganización xeral do transporte escolar con contratos, mesmo anulados pola Xustiza, por considerar que Xunta permitiu “indebidamente” o monopolio do grupo empresarial Monbus ao que sumou que a propia a Valedora do Pobo censurara recentemente ao Goberno galego por tardar, “máis do que dura un curso” en responder ás peticións e queixas das familias.
Cristina Fernández tamén explicou que un gran número de persoas cursan os seus estudos postobrigatorios fóra do seu concello de residencia, parroquias e vilas e a falta de planificación e recursos por parte da Xunta de Galiza conleva non poder acceder ao servizo, sobre todo, persoas maiores de 21 anos sen o recoñecemento da totalidade das bonificacións da tarxeta Xente Nova.
En moitas ocasións, dixo a portavoz de educación do BNG, “o alumnado de zonas metropolitanas deben recorrer ao transporte privado das persoas traballadoras das grandes empresas que os deixan ás 6 da mañá nas cidades, e logo agardar máis de dúas horas pola apertura dos centros educativos
O transporte público debe ser un servizo fundamental que as administracións públicas deben ofrecer á cidadanía polo seu carácter “vertebrador, dinamizador e democratizador da sociedade” e este servizo resulta fundamental cara unha maior sostibilidade ambiental reducindo o maior porcentaxe posible das emisións de CO2 á atmosfera e gañando calidade contra o cambio climático. A deputada mostrou o seu convencemento de que isto será posible “se logramos diminuír o uso do vehículo particular”, e para conseguilo a cidadanía debe poder dispoñer “dunha rede de transporte público extensa, con numerosas frecuencias e o máis consolidado posible”.
Actualmente, o rural galego vive un problema maiúsculo coas súas liñas de transporte público porque á perda de calidade dos últimos anos debemos sumar “a eliminación de paradas, traxectos e atrasos nos horarios”, convertendo os desprazamentos dende os domicilios aos centros de ensino ou universidades nun asunto imposible.
Neste sentido, lembrou as dificultades do alumnado do rural para realizar os seus estudos na Universidade de Vigo, “cun campus moi alonxado da zona urbana” dende a que existen lanzadeiras con bos horarios e frecuencias, pero sen enlaces que garantan a conectividade dende vilas da Área Metropolitana e sobre todo na quenda de tarde.
Polo tanto, “urxe garantir un servizo de transporte público que permita á mocidade de concellos do rural galego, como pode ser o caso de Láncara ou Salceda de Caselas, poder cursar os seus estudos postobrigatorios no sistema público de ensino”, sen ter que sufrir unha discriminación por orixe e sen ter que renunciar aos estudos que desexan cursar”.
A deputada indicou que no concello de Láncara, existe un gran número de queixas e denuncias polo deficiente funcionamento do servizo, e en Salceda de Caselas, o alumnado de bacharelato non ten garantido o seu transporte escolar cara o instituto Pedras Rubias. A Consellería, dende o 2012, permite que o alumnado de bacharelato ou CF ocupe as prazas libres da liña de transporte escolar das etapas obrigatorias, pero non sempre é posible e hai ocasións nas que as rapazas e rapaces quedan sen transporte ou deben facer a viaxe de pé no autobús, dependendo da vontade das persoas condutoras.
“Esta situación vén provocada por un sistema monopolístico facilitado pola administración da Xunta de Galiza para beneficiar ao Grupo Monbus, e agravada pola desaparición das pequenas e medianas empresas de transporte por non competir en igualdade de condicións con esta gran empresa”, recalcou a deputada.
As persoas do rural, “vivimos illadas” ao carecer dun transporte público ineficaz, de aí que dende o BNG reclamemos ao goberno: “garantir o acceso ao servizo de transporte público ás estudantes do ensino postobrigatorio e a súa conexión cos centros de ensino de referencia, mellorar o servizo de transporte público por estrada no rural galego, con especial atención ás conexións das vilas coas cidades e os servizos de referencia e aumentar a idade máxima para acceder á bonificación da tarxeta Xente Nova até os 30 anos.”
A nacionalista, lamentou, que unha vez máis, o Partido popular impedira que prospera a iniciativa do BNG e asegurou que o voto en contra a esta proposta representa o “desleixo” do PP cos problemas do rural e a súa negativa a ofrecer unha resposta ás reclamacións dos afectados e afectas pola falta dun servizo de transporte público que lles permita cursar os seus estudos con normalidade fóra dos lugares de residencia.