O PP vota en contra dunha proposta do BNG para destituír ao Delegado Territorial de Ourense
Tereixa Paz lembrou que Núñez Feijoo afirmou que perseguirá aos que se lucren da política e pediu que llo aplique a Rogelio Martínez despois de malversar 51.000 euros de fondos públicos
O PP votou en contra da Proposición non de lei nacionalista e manterá no seu cargo ao Delegado da Xunta en Ourense.
A deputada do BNG, Tereixa Paz cuestionou hoxe, a través dunha Proposición non de lei, a continuidade de Rogelio Martínez, Delegado Territorial da Xunta en Ourense no seu cargo tras ser procesado por un delito de malversación de fundos públicos da Unión Europea e ante o novo xuízo que se celebrará na Audiencia provincial polo mesmo caso.
Paz lembrou que na sesión plenaria da mañá, en resposta a unha pregunta formulada polo portavoz do BNG sobre a situación política do Concello de Santiago afectado de varios casos de corrupción, o propio Núñez Feijoo respondeu que el perseguirá a quen se lucre da política.
Para a nacionalista, esta é razón máis que suficiente para destituír ao Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez procesado por un delito de malversación de fundos públicos da UE, segundo reza a sentenza da Sala 4ª da Audiencia Nacional no ano 2009.
Acusacións falsas de Paula Prado á deputada do BNG
Trala intervención da deputada do BNG, a popular Paula Prado negou os cargos do delegado territorial e acusou a deputada nacionalista de ter estado no pasado imputada por un delito de acoso ao que Tereixa Paz respondeu enerxicamente que un xuízo de faltas nunca conleva unha imputación, e aínda que estivera imputada e condenada , dixo, volvería a facelo porque foi por estar ao lado dos veciños que estaban sendo atacados polo Partido popular ao sérenlle negado o trasporte para asistir ao traballo e aos centros de ensino.
Tereixa Paz dixo sentirse orgullosa de ter loitado cos veciños contra o Partido popular e do único que fun acusada foi terlle chamado fillo de puta ao Alcalde de Barbadás, outro do que agora, engadiu, tamén sabemos que se esqueceu de declarar 600.000 euros a facenda.
Parcela de miñocas reconvertida en Planta de biomasa sen certificar
O delegado territorial de Ourense reciclou unha parcela de cría de miñocas en Planta de biomasa e comprou maquinaria por valor de 51.000 euros que nunca chegou a xustificar e que cobrou de fondos europeos, explicou.
Rogelio Martínez enriqueceuse do seu cargo de alcalde do Partido popular de Aranoia e da súa condición de deputado provincial pero o historial do delegado da Xunta en Ourense non se limita a malversar fundos públicos, hai que sumarlle tamén delito electoral por ter que repetir as eleccións no concello de Arnoia ao falsificar os votos dos residentes ausentes.
A deputada lembrou que existe un auto do día 5 de Febreiro do 2013 do Xulgado de Ribadavia que procesa a Rogelio Martínez que será ademais xulgado proximamente na Audiencia provincial de Ourense.
Paz concluíu pedindo de novo a destitución de Rogelio Martínez por aproveitarse de ser alcalde, deputado e presidente dunha empresa para empregar irregularmente fondos da Unión Europea nunha unha planta de biomasa que resultou ser unha fraude.