O PP vota en contra dunha iniciativa do BNG para ampliar as axudas a explotacións con enfermidade hemorráxica epizoótica
Xosé Luís Rivas reclamou que as subvencións cubran tamén perdas por abortos, baixadas notables na produción ou gastos veterinarios nas granxas
O deputado do BNG Xosé Luís Rivas defendeu unha proposición non de lei para reclamar da Xunta a ampliación das axudas previstas ante a aparición de casos de enfermidade hemorráxica epizoótica nas vacas. En concreto, demandou que as indemnizacións cubran tamén perdas por abortos, baixadas notables na produción ou gastos veterinarios nas granxas con casos declarados.
Xosé Luis Rivas defendeu a súa iniciativa para completar o acordo adoptado o 27 de outubro a partir dunha iniciativa do BNG, emendada polo PP, polo que se solicitou á Administración indemnizacións pola morte de animais enfermos. Xa daquela o BNG pedira tamén axudas nos casos de abortos e baixada de produción tanto láctea como de carne, pero o PP non o aceptou e só admitiu contemplar nas axudas os animais mortos. Hoxe, os populares volveron votar en contra dunha cobertura máis ampla das axudas.
O deputado nacionalista advertiu de que esta enfermidade non é “algo anecdótico”, senón que se está a converter nun “serio problema” para o sector gandeiro. Todo indica, afirmou, que “veu para quedarse”, propiciada por unhas condicións climatolóxicas favorables (temperatura e humidade) para a cría do vector que transmite a doenza aos animais. É por iso que emprazou á Consellería de Medio Rural a “poñerse as pilas” para axudar ao sector gandeiro.
Rivas subliñou que a doenza supón arredor de 15 días de tratamento (que hai que costear) e pode supor para o animal perder ata 100 quilos de peso. “As afectacións son variadas e múltiples e as baixadas de produción son considerables”, apuntou. Unha vaca con alta produción de leite, afondou, deixa de comer polas chagas na boca, pola inchazón da lingua ou pola necrose múltiple do aparato dixestivo debido á destrución das mucosas, polo que pode secar ou baixar o pico de lactación de xeito considerable “o que pode levar a un secado e posterior recuperación, logo inseminación, dez meses improdutiva, posible infertilidade, coxeira permanente...”, engadiu.
Rivas lamentou a negativa do PP a ampliar as axudas e, durante a súa intervención, ironizou animando ao PP a “apuntarse un tantiño” apoiando aos gandeiros “agora que estamos en época preelectoral”.