O PP vota en contra de declarar BIC os bens mobles das Torres de Meirás incumprindo o acordo unánime do Parlamento
A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Mercedes Queixas instou á Xunta a “a incoar o procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural ( BIC) dos bens mobles das Torres de Meirás, que pola súa vinculación co inmóbel forman parte inseparábel del, e aplicar provisionalmente a estes bens o réxime de protección previstos para os Bens de Interese Cultural.”
O PP incumpre o acordo unánime do Parlamento galego
Na súa intervención, a nacionalista explicou que o 5 de maio de 2021, o Parlamento galego aprobou por “unanimidade” unha proposta do BNG para demandar da administración xeral do Estado as accións xudiciais pertinentes co fin de defender a titularidade pública dos bens mobles que deben formar parte do BIC, necesarios para explicar a súa historia como parte integrante e inseparable do conxunto, de titularidade ou de dominio público.
Asemade, o acordo incluía traballar conxuntamente coa administración xeral do Estado
nas medidas lexislativas, cautelares e urxentes para garantir “a unidade e integridade dos bens mobles que forman parte do BIC Torres de Meirás” e impedir un “novo saqueo dos bens resultantes do espolio franquista”. A maiores, o acordo tamén advertía á familia Franco “a imposibilidade de retirar de Meirás todos aqueles bens que non sexan obxectos de uso estritamente persoal e privado.
Mercedes Queixas criticou que a Xunta e o Goberno do Estado “non se poñan da cordo”, a pesar de que poden facelo e puxo como exemplo a biblioteca de Pardo Bazán, “na que se integra unha gran cantidade de fondos bibliográficos situados en Meirás”.
A nacionalista reprobou que a día de hoxe, non se iniciara o proceso de declaración BIC e se incumpra o acordo unánime do mes de maio de 2021. Facemos nosa, dixo, a preocupación da cidadanía ante “o abandono do patrimonio público galego” e sumámonos ás resposta social contra a resolución do Xulgado de Primeira Instancia nº 1 da Coruña que autoriza á familia Franco á retirada de determinados bens mobles do Pazo de Meirás, como resultado da actual situación xurídica que sobre os bens mobles e o propio inmoble se seguen en diferentes ámbitos xudiciais.
De non actuar de urxencia, sentenciou Queixas, a familia Franco poderá sacar moitos bens de Meirás existentes na etapa de Pardo Bazán ou incorporados durante a ditadura polo que volveu a reclamar a incoación do expediente BIC para protexer os bens mobles das Torres de Meirás.
Pola súa parte, o portavoz do PP, Carlos Salgado respondeu a deputada do BNG que os obxectos mencionados pola nacionalista non contan con “valor patrimonial destacado”, afirmación que a deputada rexeitou enerxicamente argumentando que forman parte “inseparable” do conxunto histórico de Meirás.
Mercedes Queixas concluíu a súa intervención preguntando ao deputado popular a quen quere protexer o PP, “ao patrimonio histórico galego ou os privilexios da familia Franco”.