PP vota en contra da proposta do BNG para recuperar as campañas de prevención e detección precoz do cancro
Olalla Rodil destacou que atención á COVID provocou a demora de diagnoses, consultas, probas e operacións de pacientes afectados por cancro que precisan atención sanitaria de calidade
Critica o voto en contra do PP á iniciativa nacionalista cando se posicionou favorablemente na Declaración institucional do Día contra o cancro
A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha proposición non de Lei para dotar de recursos á Atención Primaria que permitan enfrontar a COVD e outras doenzas ao que sumou adoptar medidas para axilizar a detección do cancro a través “dun Plan de choque” que recupere o ritmo nas campañas de prevención, detección precoz e diagnóstico “porque os retrasos non fan que a doenza desapareza senón que a oculta”, afirmou.
A parlamentaria do BNG lamentou que o PP impedira que prosperara a iniciativa nacionalista e recriminou á bancada popular votar hoxe en contra da proposta cando amosaron o seu apoio á declaración institucional o Día contra o cancro. “Non entendemos este proceder” pero cando hai que poñer medios materiais o PP recua e non se implica, recalcou.
Na súa intervención lembrou que na anterior sesión plenaria, foi aprobada unha declaración institucional con motivo do Día Internacional contra o Cancro que comprometía á Cámara galega a impulsar accións para paliar a situación de vulnerabilidade e garantir a equidade e dereitos das persoas afectadas de cancro e a súas familias. Neste sentido, dixo que as “declaracións institucionais están ben porque dan visibilidade e amosan vontade pero por si mesmas non mudan nada”.
Hoxe, recalcou Rodil temos a oportunidade de converter en “algo concreto” o compromiso expresado “de maneira unánime” no Parlamento galego e nesa liña vai a iniciativa que desde o Grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego estamos a defender.
Dende que se declarou, hai un ano, a pandemia, explicou a deputada, comezaron a implantarse medidas para frear o avance da Covid19 e as “restricións” tiveron un impacto enorme no conxunto da poboación e de maneira máis acusada nas persoas que padecen unha doenza crónica.
Neste sentido, aludiu ao recente informe do Consello de Bioética de Galiza sobre a Atención Primaria e as consecuencias de priorizar a patoloxía COVID sobre á atención integral no sistema sanitario público, de maneira especial en pacientes con patoloxías crónicas.
PP frea un Plan de choque contra o cancro
Rodil insistiu que á atención a COVID provocou que se demoraran diagnoses, consultas e probas e foran aprazadas operacións o que provocou un “gran impacto para a saúde física e emocional de pacientes e familiares que non pode ser obviado e que merece de todo o esforzo público para evitar que se prolongue.
Onte coñeciamos, a través da resposta escrita remitida pola Xunta ao grupo socialista, que o SERGAS situaba no 10% o número de consultas a pacientes con sospeita de cancro e a redución do 8,7% das operacións a doentes oncolóxicas en 2020.Unhas cifras sobre as que viña advertindo o persoal sanitario e tamén o persoal investigador que temos, “moito e bon, neste país”.
E esas demoras, eses aprazamentos, están a ter no inmediato dúas consecuencias que nos afectan a todas, non só aos doentes de cancro: Atender as consecuencias sanitarias ,sociais e económicas da Covid19 é urxente pero non pode impedir ver que hai máis cousas que son igual de importantes. E aínda que a pandemia “arrasase todo”, hai persoas que seguen a padecer patoloxías non-Covid que precisan e merecen atención sanitaria de calidade e con todas as garantías, concluíu.