O PP vota en contra da proposta do BNG para mellorar o financiamento dos concellos

Óscar Insua

Oscar Insua aposta polo impulso de mancomunidades comarcais, áreas metropolitanas ou consorcios para optimizar os recursos dos concellos

O BNG reclamou este mércores no Parlamento a reforma da Lei da Administración Local de Galiza co obxectivo de actualizala e de implementntar medidas e ferramentas destinadas a mellorar o financiamento dos concellos e a prestación de servizos mediante fórmulas de colaboración e cooperación, ademais de perfeccionar a organización e funcionamento dos mesmos.

O deputado Oscar Insua defendeu esta iniciativa na Comisión 1º, na que apostou ademais polo impulso de mancomunidades comarcais, áreas metropolitanas ou consorcios para optimizar os recursos das entidades locais.

Na proposición non de lei, que o PP votou en contra, o BNG propoñía o incremento no orzamento de 2025 do Fondo Galego de Cooperación e que este sexa de carácter incondicionado, reducindo as liñas de axudas finalistas. Tamén se demandaba unha lei galega de facendas locais que regue a participación dos concellos nos ingresos das distintas Administracións, consensuando con eles a participación anual e os criterios de reparto.

Na súa exposición, o deputado argumentou a necesidade de reformar a Lei de Administracións locais, que leva sen actualizarse desde o ano 97, facendo alusión ás dificultades de moitos concellos de Galiza á hora de facerlle fronte ao gasto corrente e mesmo á nula capacidade de liquidez de moitos deles. Afirmou que a proposta do goberno galego de fusionar concellos para mellorar o seu financiamento  é “unha escusa, unha cortina de fume perfecta para non resolver os seus problemas”.

Insua referíase así ao estudo “non vinculante” elaborado pola Fundación Juana de Vega e polas tres universidades galegas e que deu a coñecer a Consellería de Presidencia o pasado mes de setembro, no que se apuntaban potenciais procesos de fusións de concellos en Galiza. En concreto mencionábase a de Santiago de Compostela e Teo, a de Noia e Lousame, a de Sanxenxo e Meaño, a de Alfoz e O Valadouro, a de O pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín, ademais dos concellos de Lalín, Rodeiro e Dozón, na comarca do Deza. Para Insua,  “a Xunta debería adoptar medidas para a entre os concellos como medidas previas a estas futuras fusións”, afirmou.

O deputado nacionalista lembrou que no propio estudo presentado polo PP tamén se recoñece que os concellos pequenos son os que máis perden e os que teñen menos capacidade de aforro e de ofrecer servizo á veciñanza. “Vemos como o IPC sobe todos os anos e servizos con o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) sobe o seu custe e os concellos teñen que facer fronte a ese incremento de custes sen que as administracións aporten máis cartos”, apuntou para precisar que “hai que blindar por lei ese financiamento” aos concellos.

Neste sentido, manifestou que, se o propósito das fusións é optimizar recursos para mellorar a eficacia e eficiencia dos servizos, “é indiscutible que ese mesmo fin se pode conseguir a través da creación e impulso de mancomunidades comarcais, áreas metropolitanas ou consorcios, transferíndolles competencias, persoal e financiamento para xestionar conxuntamente servizos” como por exemplo a Policía local ou o servizo de lixo e optimizar así recursos e gasto sen perder a identidade e a idiosincrasia á que se lle teme cunha fusión municipal.