Parlamento Galego

PP vota en contra da proposta do BNG para pagar a débeda contraída co financiamento da Orquestra Sinfónica de Galiza

Mercedes Queixas

Mercedes Queixas sinalou que a Xunta de Galiza leva anos incumprindo o compromiso asinado no convenio, acumulando unha débeda de máis de 5 millóns de euros

A deputada coruñesa do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas,  presentou na Comisión 4.ª, Educación e Cultura, unha Proposición Non de Lei para que a Xunta se comprometa co Consorcio para a Promoción da Música cun plan encamiñado a cumprir o convenio asinado e resolver, no curto prazo, a débeda contraída co financiamento da Orquestra Sinfónica de Galiza.

Mercedes Queixas denunciou que a Xunta de Galiza leva varios anos incumprindo o compromiso asinado no convenio de 2004, polo que se comprometía a financiar a Orquestra Sinfónica de Galiza anualmente con 3 millóns de euros e puxo en valor “a importantísima achega que fai a área de cultura da Deputación da Coruña con 1 millón e medio de euros cada ano”.  Grazas a este convenio coa Deputación de Coruña desde a área de cultura, Queixas salientou que a actividade musical e a representación da Orquestra Sinfónica chegou “a 30.000 alumnos e alumnas de 72 centros educativos da provincia de Coruña”.

Desde hai máis dunha década, a Xunta de Galiza achega ao Consorcio para a Promoción da Música e para o financiamento da Orquestra Sinfónica de Galiza, unha cantidade inferior á asinada no convenio, “acumulando na actualidade unha débeda de 5.834.106 de euros que está a comprometer a viabilidade da Orquestra Sinfónica, do Coro, da Orquestra Xove e das agrupacións infantís” apuntou a deputada.

Queixas salientou que sería esperanzador para todos os abonados e abonadas, músicos e músicas, así como comité de empresa, ver aprobada a emenda presentada polo BNG a estes orzamentos para 2025, na que o BNG pedía engadir 1 millón de euros máis o orzamento da Orquestra Sinfónica de Galiza. “En cinco anos, suplementar un millón de euros a maiores e, polo tanto, en cinco anos, sermos capaces de reverter esa débeda”.

A Proposición Non de Lei proposta polo BNG para instar á Xunta de Galiza a que elabore un plan económico que reverta esta débeda, “sabendo que non vai ser posible facelo de forma inmediata e automática, pero si que se estableza un plan comprometido con un tempo unha cronoloxía determinada para resolver esta débeda” matizou Queixas, non foi aprobada polos votos en contra do Partido Popular.