O PP vota en contra da proposta do BNG para destinar axudas directas ao sector das perruquerías e estética
A parlamentaria do BNG, Carmela González lamentou o voto en contra do Partido popular da proposta nacionalista que reclamaba “axudas directas inmediatas” paliar a grave situación económica do sector dos salóns de peiteado, barberías e estéticas. Ademais, a proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, incluía o compromiso do goberno galego para negociar co sector, agrupado na Plataforma Crer en Nós, as condicións destas axudas co fin de salvar os salóns e o sector da imaxe persoal.
Na defensa da proposta, a nacionalista lembrou que o pasado 17 de febreiro foi aprobada unha Proposición non de Lei instando á Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado a redución do IVE dos salóns de peiteado, pasando do actual 21% a un 10%. Esta medida, afirmou favorece a subsistencia de moitos negocios pero non pode ser a única de aí a necesidade de seguir avanzando en liñas de axudas directas.
Os datos económicos do sector, explicou Carmela González, son “alarmantes” , co 48% de salóns pechados e 40.000 postos de traballo perdidos en todo o estado. Galiza representa o 9% dos establecementos a nivel estatal e constatamos día a día que o peche de salóns de peiteado, barberías, estética e a perda de emprego no sector é unha realidade que non rematou.
A realidade económica dun pequeno negocio, sen traballadores, cunha persoa autónoma unicamente traballando nel, limítase a cubrir os gastos fixos, os gastos de material, e sacar un pequeno salario para a dona ou o dono. “Neste contexto unha baixada dun 35%, ou incluso dun 25%, fai que o negocio sexa inviable e non se poida soster”. Ademais, moitos destes negocios cunha soa persoa autónoma traballando radican no rural galego e dan servizo a distintas localidades, co que os peches perimetrais repercutiron especialmente neles.
A maioría destes negocios no noso país, engadiu a deputada, prestan servizos esenciais e de primeira necesidade para a poboación, con prezos accesibles e competitivos para poder subsistir. Son negocios rexentados principalmente por mulleres, o 85% das persoas autónomas do sector son mulleres e teñen como único, beneficio un salario, na maior parte dos casos “precario”.“O sector síntese discriminado polo goberno do Estado e a Xunta de Galiza” . Os negocios levan un ano aguantando facendo un gran esforzo por manter os seus salóns abertos sen que ningunha administración teña recollido as súas demandas, nin lles teña habilitado axudas. Hoxe volvemos a comprobar como a Xunta non se compromete e vota en contra de poñer en marcha as “axudas directas” que tanto reclama o sector, sentenciou a nacionalista.
O sector, reclama ser recibido polo goberno galego e vostedes continúan negando ese diálogo. Na reunión do BNG con representantes do sector deixaron ben claro que o 45% de perdas nun salón de peiteado significa “o peche dese negocio”, e o goberno galego continua sen querer dialogar, criticou.
Coa apertura os salóns de peiteados e barberías tiveron quince días de moita actividade pero agora a realidade é moi diferente, “non hai ingresos, se ven obrigados a despedir e pedir créditos para pagar as indemnizacións”. A Xunta, reiterou a deputada do BNG, debe sentarse e falar co sector e ofrecerlle “un plan de axudas específico”.