Parlamento Galego

PP vota en contra da proposta do BNG para a condena e a tolerancia cero en materia de prevención de riscos laborais

Mon Fernández

Mon Fernández criticou que PP se vote en contra dunha iniciativa que non supón coste ningún e que simplemente insta o goberno galego a condenar as mortes que se producen no entorno laboral

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, presentou na Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, unha Proposición Non de Lei para que a Xunta promova unha cultura de tolerancia 0 cos incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais.  Unha medida que comezaría “por realizar unha condena pública por parte do presidente da Xunta ou do conselleiro de Emprego de todos e cada un dos accidentes laborais con resultado de morte que teñan lugar na Galiza” sinalou o deputado.

O pasado mes de outubro, dous traballadores do estaleiro Blascar, no Concello de Ferrol, “sufriron un accidente moi grave que lles provocou queimaduras no 78% e no 98% dos seus corpos respectivamente” manifestou Fernández. Un deles morreu ao día seguinte e o outro uns días despois.

Mon Fernández advertiu que este accidente ten lugar nun escenario no que Galiza” leva anos encabezando as estatísticas de sinistralidade laboral” no estado español. Fernández explicou que “pode ter moitas e diferentes causas, mais sería imposíbel sen a tremenda tolerancia social e política, sobre todo política, cos incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais” que fai que en moitos casos a prevención non exista máis que nos papeis, sendo unha realidade absolutamente allea ao persoal traballador.

Case trinta anos e moitas reformas despois desa primeira lei de prevención “poderíamos escoitar a mesma análise sobre o cumprimento da normativa de prevención” tanto ás centrais sindicais máis representativas da Galiza como á moitas persoas expertas. “Falta de integración e falta de cultura preventiva” apuntou.

Os orzamentos da Consellería de Emprego “son unha evidencia de que a prevención non é unha prioridade para o Partido Popular” salientou o deputado. Para o BNG as partidas económicas son ridículas e a explicación do gasto que xa chegan á memoria tamén delata unha visión burocrática e condescendente da prevención. “É sobre todo unha actividade diaria onde se percibe claramente que a prevención é considerada unha obriga meramente formal e que a actuación de administración neste ámbito está moi lonxe de ser efectiva”

O deputado Mon Fernández criticou que o Partido Popular votase en contra para que o goberno galego se posicione e condene publicamente cada vez que haxa unha morte no traballo. “É unha mágoa que o Parlamento galego non aprobe por unanimidade algo que non ten custo económico” pero que significaría para o BNG, lanzar unha mensaxe clara de que o goberno galego condena publicamente as mortes no traballo. “É moi forte!” concluíu.