O PP vota en contra da iniciativa do BNG para transferir o IMV
A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha batería de medidas destinadas á transferencia do Ingreso Mínimo Vital, avanzar “na renda única” de Inserción social e laboral, rematar coa incompatibilidade da RISGA e deixar de tratar ás persoas beneficiarias desta prestación como “delincuentes”.
Os votos en contra do Partido popular impediron que a moción defendida pola deputada do BNG, Olalla Rodil prosperara.
Na súa intervención, Rodil aludiu ás sentenzas xudiciais sobre o “proceder irregular” da Xunta polo que pediu deixar de tratar ás persoas beneficiarias da RISGA como “delincuentes” xa que foi a Xunta “a que omitiu o trámite de audiencia durante o proceso de reclamación da persoa interesada” e dispensoulle un “trato” como se defraudara á administración a pesar de poñer no seu coñecemento en todo momento as modificacións da súa situación económica, como esixe a lei.
Estas persoas, dixo, non cometeron ningunha irregularidade na percepción da prestación, e a Xunta en vez de tramitar unha compensación pediulle devolver todo o que cobrara “legalmente” durante 11 meses a unha persoa que vive con pouco máis de 400 euros ao mes.
A xuízo da nacionalista, urxe garantir a máxima protección das persoas beneficiarias cun criterio común para todas. Resulta un “auténtico disparate” o prexuízo que están causando os gobernos, “o español pola lentitude na tramitación do Ingreso Mínimo Vital e a Xunta de Galiza por seguir mantendo a incompatibilidade das dúas prestacións”. Esta situación, recalcou, está a causar á poboación máis vulnerable un grave dano e o Goberno español e o galego teñen “capacidade, e competencia para evitar esta situación”.
A deputada reiterou que urxe acabar coa situación de incompatibilidade entre RISGA e IMV nun tempo concreto e coa máxima celeridade. Ademais, pediu remitir á Cámara, antes de finalizar o actual período de sesións, a reforma da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galiza para garantir a compatibilidade e complementariedade da Renda de Inclusión Social de Galiza (RISGA) co Ingreso Mínimo Vital (IMV).
Ante unha situación xerada pola “irresponsabilidade da administración” reclamamos a reforma da lei de inclusión social e transferencia a Galiza do IMV e mentres non se reúna a Comisión mixta de transferencias, “asinar un convenio” convenio de xestión como os que existen en Navarra e Euskadi e como están a traballar coa Generalitat de Catalunya.
Olalla Rodil lamentou que o Partido popular rexeitara reclamar a transferencia do Ingreso Mínimo Vital, impedira compatibilizar o IMV e a RISGA e avanzar na “renda única” de Inserción social e laboral.