O PP vota en contra da iniciativa do BNG para reforzar á lingua galega como “lingua vehicular” no ensino
A deputada do BNG, Mercedes Queixas defendeu hoxe unha proposición non de lei na Comisión de Educación ao fin de reclamar o apoio do Parlamento para que a lingua galega sexa “lingua vehicular no ensino”. A proposta do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.
Na iniciativa, Queixas defendeu “unha nova normativa” para garantir a competencia lingüística en galego desde o ensino obrigatorio” e que o goberno cumpra o compromiso de publicar a avaliación anual da implantación do decreto do bilingüismo como sinala a Disposición quinta do Decreto do 2010. Nesta liña criticou que “o goberno galego emende o seu propio decreto cando non cumpre con esta normativa”.
A nacionalista, como xa fixera nunha pregunta ao conselleiro de Educación na última sesión plenaria, aludiu ao terceiro informe do 2019 do Comité de Expertos do Consello de Europa que avalía o cumprimento da Carta Europea da Linguas Rexionais ou Minoritarias no que critica ao goberno galego pola caída evidente do uso da lingua galega e a súa aplicación no ensino. O ditame do Consello europeo recomenda que sexan “eliminadas as limitación” á docencia en galego en todos os niveis precisos así como facer públicos “os informes de avaliación dos organismos supervisores no ensino”.
Queixas insistiu en que o organismo europeo recrimina ao goberno galego sobre a “insuficiencia” da presenza do galego no ensino, sobre todo a nivel preescolar, e volve advertir do desequilibrio que supón que no ensino secundario non se impartan as grandes materias científicas en galego, unha lingua en vías de normalización.
O PP usa conceptos rexeitables para a sociolingüística
Tras intervención da portavoz popular, Sandra Vázquez que anunciou o voto desfavorable á iniciativa do BNG, Queixas matizou que o Partido popular ten un problema de “concepto” porque parte dun “axioma errado” e inconcebible para o ámbito da sociolingüística. Neste sentido, explicou que o “bilingüismo cordial” é un concepto inventado polo PP que “ninguén entende porque non existe”. En sociolingüística chámase “bilingüismo substractivo” é dicir, o que “condiciona unha lingua a outra” e a lingua condicionada é a que está en situación de desigualdade e pendente de normalizar. Na śua opinión, o Decreto do Bilingüísmo, mal chamado decreto do Plurilingüísmo, tenta ratificar esta situación.
Mercedes Queixas pediu ao PP que non continúe “difamando ao BNG” nin busque a confrontación. En Galiza, recalcou “somos bilingües” por nacer aquí e deberíamos ser trilingües dende o berce porque do galego ao portugués só hai medio paso.
Dende a escola deberíamos adquirir moitas outras linguas e matizou que unha cousa é ser monolingüe no uso do galego as 24 horas do día e outra diferente ser plurilingüe. Eu non preciso manifestar as linguas nas que teño competencia, polo tanto, unha cousa é o uso e outra a competencia plurilingüe. “Muden ese discurso porque pasamos moita vergoña allea” e a estas alturas xa deberían saber que o monolingüismo refírese ao uso e o plurilingüismo son as miñas competencias en casteláns, portugués, inglés ou francés, non confundan os conceptos, reiterou.
Mercedes Queixas rematou a súa intervención cun parágrafo do escritor Agustín Fernández Paz, autor monolingüe que con toda probabilidade, dixo, é admirado pola portavoz popular: “Amamos e defendemos a pluralidade lingüística pero nunca a custa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado”. Plurilingüismo si pero dende o galego, concluíu.