Parlamento Galego

PP vota en contra da iniciativa do BNG para dotar de medios contra incendios e reforestar as zonas afectadas na comarca do Condado-Paradanta

Cristina Fernández

Cristina Fernández salientou que é fundamental investir con decisión na reforestación en árbores que dean valor natural e económico aos nosos montes e que protexan este espazo dos lumes

O BNG demanda facer un investimento urxente e cos orzamentos precisos para unha reforestación completa no concello das Neves, afectadas polos lumes

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández, presentou na Comisión 7.ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, unha Proposición Non de Lei para dotar de medios e orzamento para pór en marcha os traballos necesarios de Prevención a través do Plan de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (PLADIGA) pero adaptado as características de cada comarca, sempre coordinados coas Comunidades de Montes de cada parroquia.

Cristina Fernández subliñou que xusto despois de que a Xunta de Galiza aprobase o Plan de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (PLADIGA) “desatábase o primeiro lume neste 2024”, no concello de Crecente, Comarca do Condado-Paradanta. “Era o 15 de abril e arrasou 176 hectarias do seu monte” apuntou.

Aínda que se teñen incorporado novas tecnoloxías á loita contra o lume: “drons, imaxes de vixilancia por satélite, cámaras ou sensores” apuntou Fernández, unha vez desatado o lume, xogan en contra os factores naturais como son as altas temperaturas, o vento, a escuridade, etc. que fan que moitas veces sexa imposible atallar o incendio nun tempo breve, que as hectáreas queimadas sexan elevadísimas e o espazo arborado moi difícil ou imposible de recuperar. “Por non falar do risco que corren as vivendas e as veciñas e veciños” salientou.

A deputada nacionalista exixiu en comisión que a Xunta de Galiza e a Consellaría de Medio Rural “deixen de laiarse culpabilizando á poboación con posibles incendios provocados e poñerse a traballar” dar prioridade as actuacións para incidir con máis investimento a prevención.

“É fundamental investir con decisión na reforestación en árbores que dean valor natural e económico aos nosos montes e que protexan este espazo dos lumes”, así como ás vivendas e á veciñanza e para iso hai que apostar pola Prevención e polas medidas que son eficaces como aconteceu en Crecente.

Cristina Fernández lembrou a vaga de lumes de 2017 que arrasou o sur da provincia de Pontevedra. “Zonas como As Neves e Ponteareas aínda non recuperaron a masa forestal, nin foron quen de reforestar o que era preciso”, xa que novos incendios os anos seguintes fixeron que o pouco que fora plantado con moito esforzo económico dos concellos, das Comunidades de Montes e incluso con recadación da veciñanza, “se queimara novamente”. Se falamos do caso concreto do concello das Neves, zona cero na vaga de lumes de 2017, Fernández fixo fincapé no compromiso de restauración ambiental do presidente da Xunta para facer unha franxa de protección no Coto do Facho na zona por onde entran os incendios (polo leste e sur), “que deixaron nun caixón despois de moitas visitas e reunións cos técnicos da Consellería de Medio Rural”.

Por esta razón, o BNG tamén demandou nesta iniciativa facer un investimento urxente e cos orzamentos precisos para unha reforestación completa no concello das Neves, así como nas parroquias doutros concellos das comarcas do Condado-Paradanta e Louriña que están máis afectadas dos continuos lumes nestes últimos 8 anos.

Para concluír, Cristina Fernández incluíu na súa proposta unha auto emenda para facilitar apoio e toda a información necesaria para que dende as directivas das Comunidades de Montes sexa doado solicitar compensacións económicas para repoñer a situación orixinal dos montes tras posibles danos ocasionados polas máquinas de intervención nos incendios.