PP vota en contra da iniciativa do BNG para a creación dun xulgado en Carballo
Daniel Pérez criticou que o Partido Popular non asuma as súas responsabilidades para dotar de máis persoal xudicial, que axilizaría de forma inmediata todo o traballo
Pérez sinalou que é a cidadanía quen está a sufrir os atrasos das tramitacións xudiciais
“Facer unha tramitación para casar en Carballo é complicado”
O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Pérez, presentou na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior unha Proposición Non de Lei para a creación de forma urxente dun Xulgado de Primeira Instancia e Instrución no partido xudicial de Carballo. En tanto non se amplía a planta xudicial, Pérez instou a adoptar as “medidas de reforzo” que permitan axilizar os tempos de resolución dos procedementos.
A entrada de asuntos de carácter civil no ano 2023 “foi case un 15% superior á de 2022”, máis dun 21% superior á de 2021, e “un 62% máis elevada da de 2017”. O deputado sinalou que nos últimos anos o rexistro de procedementos civís “superou con moito o número máximo establecido polo baremo aprobado polo CXPX” para xulgados de primeira instancia e instrución.
Se a finais de 2017 había 831 procedementos en tramitación na sección civil dos Xulgados de Carballo, no 2023 había 2.436, “isto é, 4 veces máis”. Se en 2017 había 1.695 sentenzas en execución, no 2023 eran 2.457 as sentenzas que estaban pendentes de ser executadas. Da mesma forma, o número de asuntos en tramitación na sección penal tamén sufriu un notable incremento, “dun 30% nos procedementos penais de carácter xeral e de máis dun 80% nos de violencia sobre a muller” apuntou.
“Xa fai dous anos, era evidente que a carga de traballo nas diferentes seccións facía moi recomendable a creación dese novo xulgado” salientou Pérez. Unha necesidade que compartía o pleno da sala do goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que no ano 2021 propuxo para o curso xudicial 2022, ese cuarto xulgado para Carballo.
Para o Partido Popular, este xulgado non era prioritario no ano 2022 e tampouco o está a ser nestes momentos, votando en contra deste Proposición Non de Lei. Daniel Pérez denunciou que é urxente a creación do xulgado e que é a Xunta quen debería reforzar ao persoal do xulgado para axilizar a carga de traballo. “Deberían saber que a Xunta suprimiu un posto de reforzo adscrito ao xulgado de primeira instancia e instrución de Carballo, que tamén levaba violencia de xénero”.
A iniciativa do BNG solicitaba única e exclusivamente á Xunta de Galiza “porque pode implementar os reforzos mañá” salientou Pérez, que acusou ao PP de non querer asumir responsabilidades para mellorar a situación do xulgado. En tanto non se amplía a planta xudicial que non depende da Xunta de Galiza, “o goberno podería adaptar as medidas de reforzo que permitan axilizar os tempos de resolución” destacou.