O PP vota en contra da iniciativa do BNG para ampliar o instituo de Soutomaior
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego o inicio da segunda fase do IES de Soutomaior permitindo, ademais da construción de instalacións deportivas, a adecuación dos espazos ás necesidades do centro coa construción de máis aulas, salón de actos e espazos deportivos e cubertos no patio. Unha iniciativa en resposta aos problemas de espazo que padece o centro e que foi rexeitada polo grupo parlamentario do PP na comisión de Educación da Cámara.
“A súa posición é indefendible”, recriminou o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, ao PP, logo de que o seu portavoz na comisión asegurase que a cobertura das necesidades educativas estaban cubertas. “Pero como van estar garantidas estas necesidades cando este ano houbo que implementar criterio de admisión na matrícula e mesmo unificar grupos e espazos académicos?”, criticou, para a continuación cualificar de “tomadura de pelo” a posición do grupo parlamentario que sostén ao Goberno galego.
Lourenzo lembrou que Soutomaior tivo que agardar nada máis e nada menos que 20 anos por este novo centro, un instituto que, “recén feito”, ten problemas de espazo e non da resposta ás necesidades educativas do concello. Neste sentido, apuntou directamente á orixe do problema: un proxecto inicial con tan só 12 unidades de secundaria e sen Bacharelato no que, logo da denuncia do BNG e a presión social, se ampliou a 16 unidades e si se incluíu o Bacharelato, pero sen ampliar a súa superficie.
“O resultado está a vista, un IES con espazos diminutos que non cumpre coas necesidades do concello”, recalcou o deputado de Soutomaior, logo de reprender ao Executivo de Feixóo por “tentar colar” un proxecto recortado de inicio que despois houbo que refacer “e vostedes refixeron nos mesmos metros cadrados; de aí os problemas”, incidiu, tras recordar que o propio Consello Escolar remitira ao concello un completo informe sobre a urxente necesidade de acometer a ampliación, “tan só dous anos despois de inaugurarse”.
O tamén portavoz nacionalista de Educación na Cámara galega afeou ao PP que presumira do que se presentara como o maior investimento realizado neste século porque “ese investimento xa tiña que estar feito no século pasado” e, de igual xeito, criticou a utilización por parte do grupo “popular” de informes que apuntan a unha tendencia descendente no concello da poboación infantil en idade escolar para xustificar a súa negativa a ampliar o centro.
“O que reflicten esas gráficas é a desfeita á que nos están a levar os sucesivos gobernos do PP, que converteron Soutomaior, un concello novo e puxante, nun concello onde efectivamente cava vez temos menos nenos”, concluíu.