O PP volve impedir á oposición que participe na orde do día dos próximos plenos do Parlamento

A portavoz do GP do BNG, Ana Pontón, cualificou de “tropelía” do ponto de vista democrático que máis unha vez o PP convoque dous plenos extraordinarios (un a petición propia e outro a petición do goberno) sen que os grupos da oposición poidan incluir ningún asunto na orde do día.

Ana Pontón, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, explicou que esta actitude é coherente coa deriva antidemocrática na que está inmerso o PP e que acadou a súas cotas máis altas coa súa proposta de reforma da lei electoral para reducir deputados e así garantir a súa maioría absoluta –que foi remitida aos voceiros este mediodía-.

Para a parlamentar, o PP non pode afirmar que o Parlamento estea funcionando con normalidade nestes meses de verán, “salvo que considere normal invalidar á oposición para introducir as súas propostas e iniciativas”.

Comparecencia de Feijóo

Esta utilización “perversa” da Cámara para poñer o Parlamento ao servizo do PP fai tamén que nin Feijóo nin ningún membro do Goberno veñan a comparecer en pleno para dar conta do impacto dos recortes.

Este é un goberno ausente, no que Feijóo non comparece nin ningún membro da Xunta porque semella que para eles non hai ningún problema neste País

“Para a Xunta –dixo a voceira nacionalista- semella que non hai parados, que non hai problemas no sector pesqueiro, que non se está producindo unha invasión de competencias e perda do noso autogoberno, etc. Temos un goberno ausente que evita dar a cara onde ten que dala, que é no Parlamento”.

Ana Pontón criticou tamén o abuso da tramitación de leis por lectura única e urxente que está a facer o goberno de Feijóo, cando o regulamento establece que debe ser unha fórmula para casos excepcionais .

Lexislar por decreto

“O PP está a converter en normal o que debía ser excepcional –advertiu-, está a lexislar por decreto, impedindo así que a sociedade coñeza o impacto das leis que se van aprobar e deixando moi pouco tempo aos grupos da oposición para emendar”.

A voceira do BNG aproveitou para reiterar as críticas aos novos recortes de Rajoy, nomeadamente o que afecta á paga dos funcionarios, que se ratificará no próximo pleno, por ser unha medida inxusta e inútil, que vai agravar aínda máis a crise e repercutir negativamente no consumo.

A parlamentar advertiu de que detrás de todas estas medidas hai unha cuestión ideolóxica de fondo que hai que rexeitar de plano “en vez de querer ser o primeiro da clase en recortes como fai Feijóo, pois esta actitude só conduce ao fracaso e está afogando economicamente a milleiros de persoas”.