Senado

PP veta no Senado a proposta do BNG para que as profesionais da sanidade poidan xubilarse aos 60 anos sen penalización

Carme da Silva: “É de xustiza que este sector, tan feminizado, conte cos mesmos dereitos que outros altamente masculinizados que xa levan tempo beneficiándose da aplicación de coeficientes redutores para a xubilación”

O BNG defendeu a necesidade de mellorar as condicións de xubilación do persoal da sanidade pública

Carme da Silva, senadora do BNG, defendeu na Comisión de Sanidade da cámara alta unha moción para mellorar as condicións de xubilación do persoal da sanidade pública. A proposta, vetada polo Partido Popular, defendía que os traballadores, e sobre todo traballadoras do sector, puidese acceder á xubilación anticipada sen penalización cando tivesen longas carreiras de cotización e a aplicación de coeficientes redutores, tal e como teñen outros sectores altamente masculinizados.

Para a organización nacionalista, os profesionais da sanidade pública forman parte dun sector fundamental, altamente feminizado, para a sociedade. “Non pode ser que existan inxustizas como a penalización na xubilación anticipada en casos con largas carreiras de cotización” sinalou a senadora do BNG. Neste sentido, a senadora nacionalista destacou que o poder lexislativo “ten a obriga de coidalos” e “unha forma de coidalas é recoñecer o dereito que ten a poder acceder á xubilación anticipada”.

Lamentabelmente, a moción do BNG foi vetada polos senadores e senadoras do Partido Popular, única forza política que votou en contra da moción. “A iniciativa defende a necesidade de que o goberno remate coa discriminación de xénero que afecta ao persoal sanitario e que, mediante Real Decreto, regule a xubilación para que as traballadoras e traballadores, maiores de 60 anos e con largas vidas laborais, poidan xubilarse sen penalización” salienta.

Ademais, a iniciativa promovía a aplicación de coeficientes redutores para a xubilación voluntaria do persoal da sanidade cando a traballadora ou traballador cumprise os 60 anos. “É fundamental para rematar coa discriminación nun sector tan feminizado. Existen outros sectores profesionais, altamente masculinizados, que xa levan tempo beneficiándose da aplicación de coeficientes redutores para a súa xubilación” reivindica.

Os feitos constatan a necesidade de facer xustiza con este sector

“Entre as traballadoras e traballadores da sanidade público atópanse colectivos con longas carreiras de cotización que xa superan os anos exixidos para acceder a unha pensión: con 40, 43, 45 anos” sinala a senadora do BNG. Estas persoas, defendeu Carme da Silva, deberían ter o dereito de acceder á xubilación anticipada aos 60 anos. “A xubilación anticipada non pode estar condicionada pola situación dos cadros de persoal -actuais e futuros- que dependan de decisións políticas, nin ser un obstáculo para detraer dereitos ao actual persoal sanitario” afirma da Silva.

As políticas privatizadoras da sanidade pública do Goberno do PP da Xunta, a precarización laboral que sofren profesionais sanitarios mozos que se incorporan e que acaban marchando a outros países pola imposibilidade de poder vivir, a excesiva carga de traballo, unhas quendas “matadoras” tanto de día como de noite e a decisión interesada de non reforzar a sanidade pública a pesar dos aplausos en pandemia, debuxan un panorama nada satisfactorio para o persoal da sanidade na Galiza, así como noutras partes do Estado.

A situación actual, evidencia a senadora do BNG a respecto da Galiza, é consecuencia dunha mala planificación sanitaria realizada durante os últimos 12 anos. “Unha planificación baseada en recortar persoal, suprimir postos de traballo e adelgazando o sistema público para engordar o privado” denuncia Carme da Silva.

“Mulleres e homes que levan 43 anos traballando na sanidade sometidos a quendas que teñen un forte impacto na súa saúde, expostos a riscos biolóxicos, químicos e a radiacións ionizantes, a estrés psicosocial por estar permanentemente en contacto coa enfermidade e a morte, a un traballo físico duro e que non poden desenvolver a partir dos 55 anos de idade” relata a senadora do BNG.

A esta situación profesional hai que engadir as quendas rotatorias, cun impacto grave na saúde segundo diversos estudos, ou eventos recentemente vividos como a pandemia xerada pola COVID.