O PP veta a proposta do BNG para reformar a lei electoral e permitir que a mocidade poida votar aos 16 anos
Olalla Rodil lembrou que o voto aos 16 anos está vixente en Austria, Escocia e varios länders de Alemaña
A proposta de lei do BNG tamén incluía celebrar dous debates electorais, como mínimo, en horario de máxima audiencia durante as campañas
A viceportavoz do BNG Olalla Rodil defendeu a proposición de Lei para a reforma da lei electoral co fin de garantir a celebración, como mínimo, de dous debates nos medios de comunicación públicos de maneira obrigatoria e en horarios de máxima audiencia en período electoral.
Trátase, dixo, de adaptar a lei electoral galega á realidade social actual e, sobre todo, garantir un maior respecto polo pluralismo político a través dos medios de comunicación públicos.
Rodil lamentou que a radio e televisión públicas de Galiza se teñan convertido nos últimos tempos nun “instrumento ao servizo do PP”, e de maneira “obscena” nas últimas semanas “con grellas nos telexornais cun PP omnipresente mentres o resto das opcións políticas aparecen, se aparecen, reducidas á mínima expresión”.
A deputada nacionalista indicou tamén que nos últimos procesos electorais, tanto en municipais como xerais, a CRTVG “negou o dereito ás galegas e galegos ao pluralismo político”. Mentres todas as canles públicas e privadas organizaron debates en horario de máxima audiencia, a Compañía da Radio Televisión Pública de Galiza emitiu un único debate ás dez da mañá en día laboral, “impedindo que a xente puidese velo”.
Polo contrario, entrevístase en horario de máxima audiencia única e exclusivamente ao presidente e candidato do PP sendo imposible que nese horario poida ter cabida unha entrevista a outra persoa representante de ningún outro partido, forza política ou institución deste país. Neste punto, Rodil invitou aos deputados e deputadas do Partido popular a revisar a grella de todos os Telexornais da actual lexislatura e dos últimos 14 anos e buscar (a ver se atopan) alguén ao que se lle entrevistase en directo antes da sección de deportes.
“Deben ter uns datos de coñecemento e de simpatía polo candidato-presidente tan baixos que nos van meter a Rueda até na cea de Nadal”, ironizou.
Espazos informativos nos que Rueda é protagonista como presidente, opinólogo, casamenteiro; ciclista espontáneo nun programa de maiores e até bailarín do Combo dominicano.
Debe estar fastidiada a cousa porque van convertelo na noiva da voda, no bebé no bautizo e quen sabe, no que leve a caixa o día do enterro.
Os debates electorais teñen cada vez unha relevancia maior e son un dereito das e dos cidadáns que deben estar regulados por lei e ter un carácter obrigatorio.
Un debate electoral non se fai para maior gloria de quen se presenta ás eleccións senón como dereito dos cidadáns a coñecer que propoñen e que defenden cada unha das candidaturas, recalcou a nacionalista.
Por ese motivo, dixo, na lei que presentamos propoñemos:
a) A existencia de, como mínimo, dous debates electorais obrigatorios en horario de máxima audiencia durante a campaña.
b) A inclusión de entrevistas ás persoas candidatas das distintas opcións políticas tamén en horario de máxima audiencia.
Os actos de campaña do PP preséntanse como se fosen parte da axenda do presidente da Xunta nunha confusión orquestrada entre partido e goberno máis propio doutras latitudes que dunha democracia avanzada, asegurou.
Voto aos 16 anos
Desde o BNG, tamén propomos modificar unha lei que ten case 40 anos, aprobada en 1985 e que precisa ser actualizada por iso demandamos ampliar o dereito a voto aos 16 anos.
Hoxe un mozo ou moza con 16 anos, afirmou Rodil, pode traballar e votar nas eleccións sindicais do teu centro de traballo, casar, se estás emancipada/o, conducir (A1) e en breve o B1 se avanza, como parece, a modificación legal impulsada a nivel europeo. Tes recoñecida a maioría de idade sanitaria, podes decidir sobre a túa saúde con autonomía, eres responsable penalmente dos teus actos, aínda que sexas xulgado por un xuíz de menores.
Con 16 anos podes ter licenza para usar armas de caza
En Galiza, recalcou, con 16 anos podes ir cunha escopeta ao medio do monte matar un xabaril pero non meter unha papeleta nunha urna porque se considera que non tes a madurez suficiente para decidir politicamente.
Unha maioría de idade para votar con 16 anos que xa está recoñecida noutros países como Austria; territorios como Escocia, ou 4 dos 16 estados (länders) de Alemaña como Bremen, que modificou a súa lexislación en 2011.