PP veta a proposta do BNG para que Xunta, Goberno, concellos e sindicatos acorden axilizar as infraestruturas pendentes na Mariña
O BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei co obxectivo de impulsar as infraestruturas comprometidas e aínda pendentes na Mariña. Así, o deputado nacionalista Daniel Castro propuxo, por unha banda, que o presidente da Xunta celebre unha reunión cos gobernos municipais da comarca e cos sindicatos que conforman a plataforma Futuro para A Mariña para abordar e axilizar as infraestruturas que corresponden ao Executivo galego, como a VAP San Cibrao-Ferrol e a liberalización do dique norte de Morás para a construción do porto comercial, tendo en conta que o estudo no que se analizou a súa viabilidade foi elaborado por Portos de Galiza.
Por outra, instou ao Goberno do PP a solicitar ao Delegado do Goberno en Galiza unha reunión tamén cos gobernos municipais e a citada plataforma para axilizar de igual xeito as infraestruturas pendentes correspondentes ao Estado, tal é o caso da Autovía A-74, a creación dunha Autoridade Portuaria propia para San Cibrao e tamén a liberalización do dique norte de Morás, no que ao Executivo estatal atinxe.
Castro recriminou ao PP o seu veto a unha iniciativa que cualificou de mínimos: “se non están dispostos nin a falar, mesmo incluíndo nesta proposta ao Estado que ten moito que dicir e sobre todo que facer neste tema; se non están dispostos a que o señor Rueda se sente a falar cos gobernos de todos os concellos e cos sindicatos, que esperanza podemos ter sobre o que pode facer a Xunta do PP na comarca da Mariña? Cal vai ser o futuro desta comarca?”, cuestionou con severidade.
Para o deputado nacionalista, o novo presidente do Executivo galego tiña unha “magnífica oportunidade de comezar o seu mandato afrontando os graves problemas que ten a comarca, en gran medida por culpa do seu goberno” e, neste sentido, recordou que dende a chegada do PP á Xunta, A Mariña sufriu unha década de perda constante de emprego e de industria que supuxo a destrución de, cando menos, 1.000 postos de traballo. Sen embargo, segundo recordou, no seu discurso de investidura nin tan sequera nomeou A Mariña, “nin falou dos seus problemas, nin moito menos das posibles solucións”.
Así pois, Castro subliñou que con esta iniciativa o Bloque lémbralle ao presidente que “a crise industrial da Mariña segue aí, que a crise demográfica segue aí, que as infraestruturas seguen sen chegar e que que menos que, xa que non sae del, acepte a proposta do BNG de reunirse cos alcaldes e alcaldesas de todas as cores políticas e tamén cos tres sindicatos que, ao mellor, teñen algo que dicir”.
Segundo recalcou, “son moitos anos de promesas e 0 resultados por parte da Xunta e por parte do Estado” e, nesta liña, reprochou que despois de distintos executivos de PSOE e PP “seguimos sen A-74” e que despois de 13 anos de goberno do PP na Xunta “seguimos con só 8 Km. da VAP Costa Norte San Cribrao-Ferrol”. A isto engadiu que despois destes gobernos tamén continúa sen liberalizar o Dique Norte, “a pesar de que se aprobasen iniciativas do BNG neste sentido”, e, de igual xeito, “seguimos sen ter Autoridade Portuaria propia, sendo unha excepción en todo o Estado”.
Ao seu xuízo, o máis grave de todo é que, “despois do deserto industrial no que quedou convertida A Mariña, seguimos sen un Plan Industrial única e exclusivamente porque o PP non quere” e reprobou a esta forza política que sexa quen de “acudir á Folga Xeral pola mañá e votar contra o Plan Industrial pola tarde”. “Á comarca non lle valen boas palabras, queren feitos porque levan máis de 20 anos agardando por eles e o que estamos a pedir é algo tan básico como que o presidente deste País se sente a falar cos alcaldes e alcaldesas e cos sindicatos dunha comarca que non pode máis”, concluíu na defensa da iniciativa que, pese aos argumentos do deputado mariñán do Bloque foi vetada polo PP.