O PP veta unha proposta do BNG para fomentar o galego na administración de Xustiza
Colocan ás persoas ante a disxuntiva “de ir en castelán no tren ou de ir andando en galego”, evidenciando a discriminación ao idioma propio
O BNG propuxo na Cámara unha batería de medidas para facilitar o uso do galego na Administración de Xustiza que a Xunta debería implementar no prazo máximo dun ano, posto que sen trata de desenvolver o Plan Xeral de Normalización da Lingua.
Entre esas propostas, elaborar un programa de normalización específico en colaboración co Ministerio de Xustiza, establecer un órgano de referencia para fomentar o uso do galego por medio de medidas de promoción profesional e prestixio dos funcionarios que a vaian usando. Verter ao galego os programas informáticos de xestión e os formularios de uso cotián e garantir a súa presenza en todos os órganos xudiciais de Galiza. “É incrible que non exista”, salientou o deputado Luís Bará.
Igualmente, deseñar campañas de información sobre os dereitos lingüísticos dos cidadás nas súas relacións coa Administración de Xustiza e establecer que nos tribunais antes do inicio de calquera procedemento se pregunte de oficio cal é a lingua habitual do cidadán para que sexa o idioma de toda a actuación.
“Algo tan de sentido común como preguntar nos tribunais de xustiza cal é a lingua do administrado e que esa sexa o idioma de actuación en todo o proceso tanto oral como na escrita”, alegou.
O feito de que haxa que reclamar a aplicación dunha normativa aprobada en 2004 é para o deputado unha proba do retroceso en materia lingüística que supuxo a chegada de Feixóo á Xunta, “e o que ven da man das hordas da dereita que se concentra na Praza de Colón!”, alertou.
Son medidas necesarias e moi positivas, salientou Bará, que contrarrestarían a actual discriminación que soporta o idioma propio do país na Administración de Xustiza.
“Porque claro, estamos nunha situación similar a que se daría se a alguén lle preguntan se quere ir de Santiago a Pontevedra en tren ou andando. A xente vai en tren e iso é o que lle están dicindo vostedes á xente, se quere ir en castelán en tren ou se queren ir andando no galego”, explicou, “hai unha discriminación evidente, chámenlle como queiran pero é así e provoca a perda de galegofalantes”.
Bará incidiu no aspecto “centralista” da Administración de Xustiza, “distante, afastada e antigalega” ao tempo que cominou ao PP a aproveitar a oportunidade de apoiar o que recolle o PNL de 2004, “non é o programa do BNG”. “Nin creen, nin senten o noso idioma, por iso votan en contra”, concluíu en relación ao voto en contra do PP.