O PP veta a proposta do BNG para declarar a Illa San Simón, “Lugar da Memoria Democrática”
O deputado do BNG lamentou que o Partido popular vetara a proposta para declarar a Illa de San Simón “Lugar da Memoria Democrática” e denunciou que a Xunta permite organizar actividades “lucrativas” de empresas privadas que representan “un insulto e ofensa” para as vítimas e as súas familias e buscan ocultar a relevancia histórica e simbolismo do lugar.
O parlamentario explicou que A Illa de San Simón e San Antón, de dominio público e titularidade do Estado foron cedidas no ano 1997 á Xunta por un período de 30 anos que remata en outubro de 2027. Esta concesión, engadiu, conleva restricións e obrigas e cun uso de carácter docente e cultural, público e gratuíto, prohibindo o seu uso hoteleiro.
O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC), no ano 99,coa categoría de sitio histórico. Por outra parte, as illas forman parte do Plan Natura 2000 con protección ambiental. A todas estas condicións, dixo, o deputado, hai que sumar a grande relevancia histórica do lugar constatado dende a Idade Media e no ámbito da memoria histórica galega sendo “escenario da represión, confinamento e campo de concentración durante os anos 1936-1940”.
Neste sentido, o parlamentario, tras amosar diversas fotografías de vítimas da represión asegurou que nos primeiros meses do ano 36, ducias de persoas foron asasinadas e soterradas nos cemiterios da contorna. En 1939 tamén foi lugar de reclusión para un grupo chamados “Os vellos” procedentes doutros territorios do Estado que padeceron grandes penalidades e fame. Unha das fotografías amosa precisamente a estes vellos “espiollándose e buscando alimento na beira do mar”, explicou Bará amosando unha das fotografías.
O Bipartito converteu a illa en símbolo da Memoria histórica
O deputado lembrou que durante o goberno bipartito, 2005-2009, a illa foi convertida nun símbolo á Memoria histórica a través de múltiples actividades e a exposición “A Illa da Memoria” pero coa chegada do Partido popular á Xunta , “todo isto foi borrado do mapa” e mesmo modificou o nome pola Illa do pensamento, “unha denominación fantasma” que despois do 2009 converteuse na Illa do esquecemento, enfatizou o nacionalista. O Goberno galego, afirmou Bará “non organiza nada” e as únicas actividades que continúan vivas son produto do traballo das Asociacións da Memoria histórica.
A falta de actividades organizadas pola administración posibilitou que a Xunta puxera en mans de empresas privadas navieiras outras actividades “lucrativas” e ofensivas ao simbolismo e significado do lugar e da súa memoria. Como exemplo, dixo, tres empresas organizaron campamentos “piratas” cun custe de aloxamento por 200 euros , ou retiros de Yoga, a 160 euros. Bará denunciou o “uso mercantil da Illa” e afirmou que son ilegais como o intento de organizar un “Samain de miedo” para vivir unha “aterradora aventura e superar terroríficas pruebas”.
Para o deputado, o uso que fai a Xunta representa unha “grave falta de respecto e a pouca sensibilidade” do goberno da Xunta do Partido popular á memoria das vítimas. O deputado demandou declarar a Illa como “Lugar de Memoria Democrática” acolléndose ao previsto no artigo 50 da Lei de Memoria Democrática.
Tras a intervención da portavoz popular, María Felisa Rodríguez Carrera que xustificou as actividades privadas organizadas na Illa de San Simón, Luís Bará lamentou o papel da portavoz popular “insultando, ofendendo e desprezando ás vítimas e a súas familias”. Vostedes, non teñen límites á hora de “agredir e insultar ás familias”.
O nacionalista lembrou que a Iniciativa Galega pola Memoria xa propuxo a demanda que hoxe dende o BNG defendemos no Parlamento galego e a Lei da Memoria Democrática do ano 22 tamén prevé a creación de lugares para memoria democrática e lamentou que o PP, unha vez máis, vetara unha iniciativa para o recoñecemento das vítimas.