PP veta o plan de formación integral do BNG destinado a mozos e homes para avanzar na igualdade
O deputado do BNG, Luís Bará propuxo no Parlamento galego desenvolver un plan integral de formación para mozos e homes co fin de avanzar cara á igualdade.
O PP impediu co seu voto desfavorable que prosperara a iniciativa do BNG que incluía entre as súas demandas aplicar o plan, de carácter plurianual, nos diferentes ámbitos do ensino, administracións, empresas, organizacións empresariais, organizacións políticas, sindicatos, forzas e corpos de seguridade, entidades e organizacións do deporte, entidades e organizacións do ámbito da creación, produción e difusión cultural, medios de comunicación e entidades sociais.
O parlamentario do BNG defendeu desenvolver programas para fomentar a participación dos homes en tarefas domésticas, de coidados e de conciliación e promover a publicación de guías que cuestionen os valores do patriarcado e fomenten valores igualitarios.
Tras a intervención da portavoz popular, Paula Prado, o nacionalista lamentou que, unha vez máis, o Partido Popular manteña un discurso en consonancia cos seus socios de goberno en Castela-León, os mesmos que negan a violencia machista e queren erradicar as políticas de xénero.
En resposta á portavoz popular, o deputado nacionalista subliñou que o feminismo é un movemento ideolóxico que propiciou grandes cambios históricos e obrigou aos responsables políticos a tomar decisións, o problema dixo, é que “hai quen vai máis a favor e quen vai menos e mesmo poñen paos nas rodas”. O Partido popular, debe decidir de que lado está e si sigue o discurso de VOX na lei de violencia intrafamiliar porque esa lei, dixo contén “un discurso moi perigoso e reaccionario” e cuestiona abertamente as políticas contra a violencia machista e de xénero.
Bará recalcou que a iniciativa do BNG vai dirixida aos homes e con políticas para eles. Na súa intervención lembrou unha experiencia persoal que transformou a súa visión sobre algunhas situacións nas que as mulleres senten medo ou desprotección e das que os homes “non somos conscientes”.
A chave entre os dedos co puño pechado para defenderse
Neste sentido, explicou que unha publicación, despois das grandes mobilizacións do ano 2018, “cambiou a miña percepción” e deime conta que eu, coma home, non teño que “poñer a chave entre os dedos co puño pechado” para defenderme dos “reiterados e silenciosos ataques machistas” que sofre un gran número de mulleres, sobre todo no tempo de lecer e polas noites.
Os homes, reiterou, “non somos conscientes porque iso non nos pasa”. Aos homes nos se nos para o corazón cando vamos pola rúa e pasa un coche moi amodo ou cando un home vai detrás nosa e nos segue. Os homes, non temos que apurar o paso a determinadas horas para volver a casa ou facer deporte. “As mulleres queren saír a súa, bailar, vestirse como queiran e poder volver a casa sentíndose seguras e nese camiño vai a nosa iniciativa para transformar a sociedade e sobre todo, aos homes e o seu comportamento”.
Bará advertiu que en materia de igualdade, se está a producir un movemento “cara atrás e reaccionario” vinculado aos discursos ideolóxicos que o Partido popular esta amparando e lexitimando. Vostedes, dixo, “capitularon” e reprochou á portavoz do PP, Paula Prado que rexeitara a iniciativa nacionalista argumentando que o demandado polo BNG xa se está a facer. Neste sentido, replicou que hai un importante retroceso a pesar de contar cunha lei do ano 2007 das máis avanzadas e pioneiras en igualdade.
Dende o BNG, seguiremos demandando un plan de maneira “sistemática e integral” con medidas de formación para o profesorado, publicación de guías contra os ditados patriarcados, e na procura doutras masculinidades. Necesitamos “combater e desmantelar o patriarcado” e o Partido popular debe decidir se “quere sumarse ou non”, si queren formar parte da implicación dos homes á onda transformadora do feminismo ou ás “políticas reaccionarias” que vostedes están avalando, concluíu.