O PP veta a comisión de investigación sobre a AP-9 actuando como “cómplice da maior aldraxe a Galiza no que vai de século”
O portavoz de Infraestruturas do BNG, Luís Bará, acusou ao PP de terse ratificado este martes como “cómplice da maior aldraxe a Galiza no que vai de século” ao vetar no Pleno do Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre o “compendio de irregularidades, privilexios e tratos de favor á concesionaria” da AP-9.
Máis unha vez, o PP de Alfonso Rueda elixiu na votación de hoxe seguir “teledirixido dende a rúa Génova” e dar as costas aos intereses dos galegos e as galegas, que sofren nos seus petos a condena de ter que pagar peaxes abusivas até o 2048, lamentou Bará, quen xustificou a creación da comisión de investigación no “trato de favor e prebendas” que a concesionaria da autoestrada recibiu ao longo de toda a súa historia do Goberno central, fose este da cor que for.
“Entre a verdade e o PP, escollen o PP; entre Galiza e o PP, escollen ao PP, porque vostedes son unha maquinaria ao servizo dos grandes grupos económicos e actúan como teleñecos controlados con mando a distancia dende a rúa Génova”, asegurou o deputado nacionalista dirixíndose ás bancadas dos deputados populares.
Bará subliñou a necesidade de por “luz e taquígrafos” especialmente sobre as “sombras e sospeitas” que rodean á prórroga da concesión concedida no ano 2000 polo goberno do PP, presidido por José María Aznar. Unha ampliación, explicou, por outros 25 anos -até chegar ao máximo legal de 75- que condena a pagar as peaxes abusivas ata o ano 2048.
Referiuse, neste sentido, ao “contundente” informe do Tribunal de Cuentas do 2005, no que xa se puña de manifesto que a prórroga asinada por Aznar supuña un “cuantioso volume de recursos económicos proveniente tanto dos maiores beneficios tributarios e económico financeiros como dos maiores volumes de ingresos por peaxes”. “Entre os beneficios fiscais cabe sinalar a exención de pagamento de impostos, que a concesionaria debería comezar a pagar a partir do 20 de agosto de 1998 e que o goberno de Aznar ampliou por 50 anos máis”, exponse na iniciativa rexistrada polo BNG.
Bará censurou, por outra banda, a “vontade clara e manifesta” de privatizar a autopista no momento no que foi asinada a concesión. A venda da empresa pública ENA, propietaria de Audasa, produciuse en xullo de 2003 a un consorcio liderado por Sacyr. Na operación de venta, ademais de Audasa, incluíase Aucalsa (a autopista concesionaria Astur-Leonesa; Audenasa (autopistas de Navarra) e Auto Estradas de Galicia, un total de 465 km de peaxes que foron vendidos por 1.586 millóns de euros, “cando agora só por rescatar a AP-9 falan de máis de 4.000 millóns de euros”. “Un pelotazo de libro”, proclamou Bará.
“O entramado de intereses e favores tiñan responsables claros”, proseguiu o deputado nacionalista, referíndose, entre outros, a José María Aznar, o “gran privatizador”, ou a Rafael Arias Salgado, ministro de Fomento entre 1996 e 2000 encargado de xestionar a prórroga e a partir do 2005 membro do consello de concesión de Sacyr, nun caso claro de “portas xiratorias”.
Álvarez Cascos, ministro no ano da privatización; Alberto Núñez Feijóo, conselleiro entón de Obras Públicas, o mesmo Luís Bárcenas, un dos beneficiados da venta, son outros dos “responsables” mencionados por Bará para a lista de comparecentes necesarios polo BNG para a comisión de investigación proposta, pola que deberían tamén pasar os ex presidentes de Sacyr José María Loureda e Luís del Rivero.
Unha comisión de investigación que se xustifica tamén no procedemento aberto pola Comisión Europea no 2019 sobre a presunta irregularidade da prórroga da concesión do 2000, ampliada sen respectar a normativa comunitaria. “Non se podía dar a dedo”, afirmou Bará no debate parlamentario, no que subliñou así mesmo a recente advertencia do comisario europeo de Comercio Interior, Thierry Breton, que nunha carta ao Goberno central deixa claro que a concesión da AP-9 no 2000 debeuse extinguir no 2003 coa privatización.
Malia o voto en contra do PP á comisión, Bará concluíu a súa intervención asegurando que “a verdade sempre triunfa” e que, por iso, o BNG seguirá actuando como un “martelo pilón” tanto no Parlamento galego como nas Cortes do Estado, en Bruxelas “ou onde faga falta” para que finalmente os galegos e as galegas coñezan “como se tramou a estafa e quen son os responsables do enriquecemento e dos pelotazos da AP-9”.