O PP tumba a proposta do BNG para impedir os abusos bancarios e impulsar unha banca pública galega
A portavoz de economía e deputada do BNG, Noa Presas defendeu hoxe unha moción ante as consecuencias da reestruturación bancaria “baixo un deseño recentralizador”, e ausencia do papel político da Xunta como responsable na planificación económica de Galiza.
Na súa intervención, a parlamentaria reclamou impulsar “unha Banca Pública galega” e un cambio de rumbo con medias urxentes contra o peche de oficinas e caixeiros, falta de protección das persoas usuarias de produtos financeiros e o desemprego.
Presas insistiu na necesidade dun deseño para impulsar á “Banca Pública galega” con fórmulas de participación pública, reformulando os instrumentos de crédito para que o aforro reverta “en crédito e investimento en Galiza”.
A parlamentaria tamén lembrou que no anterior período de sesións, o BNG interpelou ao goberno sobre o sistema financeiro galego e, máis concretamente, como afectaba ás persoas consumidoras e agora, dixo, volvémolo facer ante a “ralentización da economía”. Compre mirar atrás e ver a onde nos levou a xestión do Goberno do PP porque quedou demostrado que as súas políticas foron “un fracaso”, manifestou.
SALDO DEMOLEDOR DO PP DURANTE UNHA DÉCADA
“Dos 65.000 millóns de euros públicos que custou o rescate bancario a estimación de recuperalo non chega ao 10.000M€”, os problemas coas cláusulas chan continúan, e no que respecta á Xunta de Galiza, a súa posición foi “o silencio cómprice cun goberno que permitiu a desaparición do músculo financeiro galego” en alusión á desaparición das caixas galegas. A reestruturación bancaria, engadiu, “foi ditada dende Madrid polo grandes partidos estatais” coa privatización das caixas de aforro”.
Hoxe, reiterou Presas, “dúas entidades bancarias controlan o sistema financiero galego e ningunha delas co centro de decisión en Galiza”.
A moción do BNG incluía un programa de formación para a prevención dos “abusos bancarios” e incrementar o orzamento de persoal no Proxecto de Orzamentos do 2020.
A moción foi aprobada nos apartados referidos a mellorar as practicas bancarias para protexer ás persoas consumidoras de produtos bancarios e contra as fraudes.
A proposta do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.