O PP tumba as ILP sobre preescolar na casa e contra a privatización da sanidade

O BNG lamenta a ausencia de Feijóo nos dous debates e asegura que é boa mostra do seu desprezo pola democracia

O Partido Popular tumbou hoxe dúas iniciativas lexislativas populares que tiñan como obxecto impedir a eliminación do programa Preescolar na casa e a privatización da sanidade, nun debate no que estivo ausente en ambos casos o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O BNG, a través dos deputados Carme Adán e Carlos Aymerich, criticou esta ausencia e cualificouna de boa mostra do desprezo do PP pola democracia e polas vías de participación directa que teñen os cidadáns en asuntos de grande trascendencia para o País.

Carlos Aymerich, que foi o encargado de defender a ILP de SOS Sanidade Pública lembrou que se trata dunha iniciativa avalada pola sinatura de máis de 40.000 galegos e galegas, o que contrasta coa política de decretos lei aprobados só polo PP para aplicar recortes, privatizacións e repagamentos, non só das mediciñas senón tamén proximamente do transportes sanitario e fármacos dos hospitais.

O parlamentar nacionalista cualificou a proposta como o “gran tapón de plástico” que pode permitir aos cidádáns seguir accedendo á sanidade como dereito e non como mercaduría.

Defender a xustiza e a democracia

O deputado agradeceu o traballo feito polos promotores da ILP, tanto por defender o que é de xustiza, unha sanidade pública, universal e de calidade, independentemente do pasaporte do doente, como por defender a democracia da única forma posíbel, exercéndoa e levando a voz directa do pobo á Cámara galega.

O parlamentar anticipou a intervención do Partido Popular e advertiu que minte sempre que fala de respetar valores, solidariedade, etc porque a realidae é que “Feijóo, o ausente” chegou á Xunta na pasada lexislatura dicindo que non ía tocar a política de sanidade, benestar e ensino e fixo todo o contrario.

Concretamente no caso da sanidade, practicou unha ofensiva sen precedentes de degradación do sistema sanitario galego a través de diversas vías, como o do recorte orzamentario, que foi de máis de mil millóns de euros na lexislatura, e perseguindo espazos de negocio para empresas privadas, moitas delas con intereses familiares por medio.

Preescolar na casa

Pola súa parte, a deputada Carme Adán comezou a súa intervención felicitando ás entidades e persoas que posibilitaron o debate da Iniciativa lexislativa Popular en defensa do programa Preescolar na Casa, co ánimo de manter un programa educativo que o Partido popular eliminou, “á dereita galega sobráballe o Preescolar na Casa”, dixo e engadiu que a concepción da educación como formación integral, en galego e como ben público para as familias “corre perigo” ao igual que a sanidade.

O PP contra a educación no medio rural

A deputada criticou que o Partido popular peche deliberadamente Preescolar na Casa para logo laiarse da crise demográfica, qué fixo o PP ante os datos demoledores do envellecemento das areas rurais galegas? preguntou, pechar aulas, quitar comedores escolares e eliminar un programa que tecía a educación dos máis cativos coas familias no seu entorno, foi a gran misión dun Goberno decidido a acabar cunha das iniciativas que daba

cobertura a máis de 4.000 familias.

Adán tamén lembrou que a Conselleira de Benestar, Beatriz Mato, atopou no ano 2009 un orzamento para Preescolar na Casa próximo aos 500.000 euros que rebaixou a 400.000 en 2010 e deixou no 2011 en “cero euros”.

Un programa destinado á primeira infancia

Adán asegurou que fronte o modelo de “Educación Wert, modelo educativo ao servizo da economía neoliberal” e a eliminación das linguas propias, Preescolar na Casa significa poñer en valor o desenvolvemento integral do individuo/a dende o primeiro día e non considerar aos nenos e nenas mercadorías para seren súbditos e non cidadáns, “Preescolar na Casa foi a vangarda” porque entende a calidade educativa, reiterou.

“A educación pública galega neste momento corre perigo e vostedes -dixo dirixíndose ás bancadas populares- acaban de demostralo unha vez máis co seu voto en contra de manter unha iniciativa integradora e que resolve as necesidades educativas de moitos nenos e nenas. Vostedes segregan, exclúen e buscan fortalecer máis as desigualdades entre os nenos e nenas do rural e as cidades”.