PP tomba no Parlamento a creación dunha mesa de traballo co concello de Cedeira, a Xunta e representación de gandeiros e gandeiras para mellorar as condicións dos montes da Capelada
O PP votou en contra no Parlamento dunha iniciativa do BNG que, recollendo as demandas veciñais, reclamaba unha mesa a tres bandas coa Xunta, o concello da Capelada e unha representación das persoas que teñen explotacións gandeiras nesta zona para a mellora das condicións medio ambientais, de coidado do monte e laborais da actividade, os montes e a economía da Serra da Capelada.
O Goberno do PP, recriminou o deputado por Ferrolterra, Ramón Fernández, ten sumida a xestión dos montes da Capelada “no abandono e na inercia, porque iso non vai corrixir esa outra inercia que padece todo o noso rural en xeral e o Concello de Cedeira en particular, a perda de poboación, o abandono do rural. Unha xestión baseada no abandono vai provocar, necesariamente, máis abandono”.
“Constituír unha mesa onde as partes afectadas se xuntaran para falar de boa fe e con ánimo construtivo sería fundamental”, salientou Fernández, que xa trasladara á Xunta en marzo as demandas da veciñanza da Capelada para acadar un mellor coidado do monte, afectado pola maleza que impide ao gando entrar a certas zonas, a acumulación desta maleza, que pode provocar incendios e, ademais, a falta de información por parte da Xunta para calquera procedemento administrativo encol da gobernanza e xestión dos montes.
A mesma veciñanza que, recalcou o deputado ferrolán, pide “algún organismo ou mecanismo a través do cal as persoas que teñen explotacións no monte poidan participar na súa xestión” e así, incidiu, recibir información de primeira man, dar a súa opinión “e facer propostas en primeiro lugar para mellorar a xestión do que hai, e en segundo lugar para facer propostas a longo prazo, poñer a mirada no futuro, falar do que queremos para eses montes a futuro, e ir dando pasos cara eses obxectivos”.
Fronte “a falta de respostas” de José Luís Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal do Goberno do PP, Fernández reclamou “o liderado das administracións, porque é fundamental, sobre todo o da Xunta, xa que, ademais de ser tamén propietaria dun dos montes, é quen ten o coñecemento e a capacidade económica”, emprazou á bancada Popular.
Fernández subliñou a importancia desta iniciativa en implicar ao goberno galego, “que, como administración conta co coñecemento técnico, xa que ten centros con persoal especializado, e, por outra banda, posúe o coñecemento da regulación normativa, fundamental en calquera proxecto para garantir seguridade xurídica e o acceso a todas as axudas que existan”.
Tamén quixo o deputado do BNG facer referencia á importancia de manter conversas co propio concello, “é fundamental porque é o propietario dos montes e polo tanto debería ser o principal interesado. E ademais, por proximidade, é quen pode ter ese contacto máis directo e diario cos gandeiros e gandeiras”, informou.
“A situación do monte é a que é, está abandonado, e non da nin de lonxe o rendemento económico e social que podería dar”, criticou o parlamentario nacionalista, que aludiu á situación comprometida das persoas que explotan eses montes, “xa que non o fan a título de propietarias, tamén ten certa lóxica que midan con cautela o nivel de esforzo ou de cartos que invisten nesas explotacións que non son da súa propiedade” .
Fernández cualificou o potencial dos montes da Capelada como “inmenso, pola calidade dos pastos, do gando, polo tipo de explotacións e a cultura que existe na zona” remarcou, en referencia á proposta para crear un selo de carne propia das Capelada como exemplo do potencial económica desta terra “que reúne o empuxe económico cos valores ligados a unha natureza salvaxe, saudábel e a métodos de traballo tradicionais, que son valores impagábeis para construír unha marca moi potente no mercado da alimentación”, salientou.
Fronte a petición “de entendemento, diálogo e acordo” que quixo poñer en valor o deputado do Bloque, a maioría dos Populares votou en contra desta iniciativa, en coherencia “coa falta de respostas” da Xunta sobre a xestión da Serra Capelada o pasado marzo en sede parlamentaria.
O deputado ferrolán amosouse “convencido” de que despois do 28M en Cedeira “haberá un goberno do BNG, e xa lles adianto que tanto o futuro alcalde, José de Vigo, como a futura concelleira de medio rural, María Pernas, van estar moi implicados en conseguir que os montes da Serra da Capelada cheguen a ser o que todos e todas na comarca sabemos que poden chegar a ser”, mediante “obxectivos ambiciosos a longo prazo, tecendo acordos con todas as partes implicadas”, adiantou.