O PP suspende o Pleno convocado para nomear senador a Besteiro e renovar o Consello de Contas
Francisco Jorquera cualifica de cambélache o pacto entre PP e PSOE ás costas do resto dos grupos parlamentarios. A falta de acordos no pacto entre PP e PSOE provocan a suspensión dun pleno convocado para nomear senador a Besteiro e cubrir as prazas vacantes no Consello de Contas
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera cualificou de cambélache o pacto entre PP e PSOE para nomear senador a Gómez Besteiro e renovar as prazas vacantes do Consello de Contas furtando o debate ao resto das forzas da Cámara.
O deputado explicou ante os medios de comunicación que varios grupos da oposición informáronse pola prensa dos contido do pacto entre o Partido popular e Partido socialista así como das desavenencias que motivaron a ruptura momentánea do pacto. O debate para cubrir as vacantes no Consello de Contas, denunciou Jorquera, entre PP e PSOE estase a producir ás costas do resto dos grupos parlamentarios.
Para o deputado, o proceder do Parido popular e Partido Socialista é unha falta de respecto ás normas máis elementais da democracia e representa un xeito de entender a política que censuran os cidadáns, cada vez con máis contundencia.
Resulta inaudito, recalcou que se pretenda renovar as vacantes do Consello de Contas cando neste órgano continúan persoas que foron conselleiros do Partido popular e hai un membro imputado por presuntas prácticas delitivas na xestión dunha Fundación perceptora de fundos públicos.
O PP suspende un pleno sen informar ao resto dos grupos
O portavoz do G.p do BNG amosou a súa protesta ante a suspensión do pleno para elixir senador ao socialista Gómez Besteiro e cubrir as prazas do Consello de Contas, prácticas ao seu entender, de degradación da democracia e anulación do propio Parlamento converténdoo nunha terminal do Goberno galego, polo que demandou rectificar unha reforma do Parlamento que o único que busca é consolidar uns estatus bipartidista que non se corresponde coa composición da Cámara.
O BNG pide ao Partido socialista que rectifique
Neste sentido, pediu ao Partido socialista que non siga adiante cunha reforma do regulamento pactada co Partido popular que pretende restrinxir, aínda máis, os dereitos nesta Cámara e que abra un dialogo cos grupos para reforzar a democracia no Parlamento.
No inicio do pleno e ante a suspensión anunciada pola Presidenta da Cámara, Pilar Rojo, o portavoz do G.p do BNG lembrou que na anterior Xunta de Portavoces foi solicitado un debate e votación para a escolla de senador e reforma do Consello de Contas pero agora resulta, dixo, que presuntamente pola ruptura do acordo fora do Parlamento entre o PP e PSOE, o grupo Popular solicita a anulación dun pleno legalmente convocado.Demandamos que se expliquen as razóns da suspensión do pleno por transparencia, concluíu.