O PP secuestrou deliberadamente a lei do Parlamento en defensa das persoas estafadas polas preferentes
- Ana Pontón tras a Xunta de Portavoces: “É unha ruptura de todas as normas democráticas que deben rexer nunha institución e roza a ilegalidade”
- A anunciada venda ilegal por parte de Villar Mir das minicentrais do Xallas será a pregunta de control a Feijóo no próximo pleno
Santiago de Compostela, 14 de Febreiro 2017.- O BNG denunciou no Parlamento o que considera un feito gravísimo e sen precedentes: O secuestro premeditado por parte do PP durante case tres anos dunha lei aprobada pola Cámara a proposta do Bloque, na que se reclamaba a devolución íntegra dos aforros estafados polas preferentes.
A lei foi aprobada en pleno o 11 de marzo de 2014 pero non foi enviada ao Congreso ata o 14 de novembro de 2016. Na semana posterior produciuse a publicación e certificación do texto, así como as correspondentes notificacións ao servizo de publicación e á Presidencia da Xunta. Pero desde o 20 de marzo de 2014 esta lei desaparece da tramitación parlamentaria ata o seu envío ao Congreso, 32 meses despois.
“Isto é un secuestro do Parlamento, unha ruptura de todas as normas de xogo que deben rexer nunha institución e consideramos que roza a ilegalidade e que vulnera dereitos fundamentais. Un feito que sitúa esta Cámara nun réxime político autoritario e non nunha democracia”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras a reunión da Xunta de Portavoces.
A dirixente nacionalista anunciou que o Bloque “non se vai quedar de brazos cruzados ante este atropelo á democracia, que supón tamén unha burla ás persoas estafadas polas preferentes, porque esta lei estivo deliberadamente esquecida polo PP nun caixón do Parlamento para evitar que a solución a este asunto se debatese a nivel de Estado no Congreso”.
Pontón non asume as pretendidas xustificacións do PP na Xunta de Portavoces, como o feito de non estar nomeadas @s deputad@s que defenderían a lei en Madrid. Argumento que se cae por si mesmo, porque a día de hoxe tampouco está feita esa elección e a lei, aínda que con 32 meses de retraso, foi enviada ao Congreso.
Para evidenciar a gravidade deste “secuestro”, o BNG lembra outros casos como a Lei de Tráfico aprobada o 8 de abril 2008 polo Parlamento, notificada ao Congreso tan só unha semana máis tarde, mentres que os responsables de defender a lei foron designados con data de 22 de xuño de 2008. Ou o caso máis recente da Lei sobre a AP9, aprobada o 15 de marzo e notificada ese mesmo día á Cámara baixa.
Novo menosprezo a Galiza
Pontón criticou ademais que o Goberno central volvese vetar o debate no Congreso dunha lei aprobada polo Parlamento galego a favor de miles de persoas estafadas pola banca, “o que supón un novo menosprezo a está Cámara e unha nova mostra da irrelevancia política de Feijóo que, unha vez máis, permite ser ignorado polo Goberno de Rajoy e pola deputada por Pontevedra, Ana Pastor”.
A dirixente nacionalista tamén explicou outros asuntos expostos polo BNG na Xunta de Portavoces, como a solicitude dun plan de traballo, “sen vetos nin censuras” na comisión de investigación das caixas.
En relación ao contido do vindeiro Pleno, Pontón avanzou que a pregunta de control a Feijóo será sobre a anunciada venda ilegal por parte de Villar Mir das explotacións hidroeléctricas do Xallas que Ferroatlántica ten en concesión a cambio de investir e garantir emprego na Costa da Morte. Cuestión destaca tamén, o debate sobre a creación dunha comisión de investigación pola traxedia de Angrois. “Alégrame que o PP levante ese veto”, -declarou.
As propostas do Bloque para baixar a factura da luz, a solicitude de retirada do recurso presentado pola Xunta contra a área metropolitana de Vigo e a valoración da evolución do galego tras a aplicación do Decreto de Plurilingüismo completan as cuestións que a formación nacionalista primará no próximo pleno.