O PP rexeita as propostas do BNG para introducir a perspectiva de xénero na sanidade
BNG defendeu no Parlamento galego unha moción para incorporar a perspectiva de xénero na sanidade pública cun paquete de medidas concretas para rematar coa falta de equidade na atención sanitaria que reciben as mulleres e que foi rexeitado polo PP.
“Non intenten que comulguemos con pedras de muíños porque non lles imos facer ese lavado de cara: non é certo que se estea facendo o que demandamos hoxe aquí”, recriminou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, ao PP, ao que acusou de faltar á verdade cando solicitou unha votación por puntos da iniciativa para apoiar algunhas das súas propostas baixo o pretexto de que a Xunta xa as estaba desenvolvendo.
Así, a moción do BNG recolle oito medidas concretas que van dende a realización dun estudo sobre as consecuencias na saúde das galegas tanto da vacinación fronte á COVID19 como das secuelas da propia infección co virus, ata a aplicación da perspectiva de xénero na investigación, nos ensaios clínicos e na formación relacionados coa saúde, pasando polo incremento das prazas de matronas -tanto en Atención Primaria como na especializada-; a creación do número de unidades de chan pélvico preciso; a atención específica e investigación das patoloxías que teñen maior prevalencia entre as mulleres -como a endometriose, a fibromialxia ou as patoloxías endocrinas-; e a incorporación de categorías de psicoloxía clínica á carteira de servizos de Atención Primaria.
De igual xeito, a deputada nacionalista demandou a elaboración dun protocolo que permita a actuación inmediata e a toma de medidas cautelares diante de denuncias de abuso sexual, violencia de xénero ou abuso de poder coas mulleres doentes por parte de profesionais do Sergas na práctica profesional e, nesta liña, exixiu a presentación dun informe con todas as accións acometidas pola Xunta no caso do médico dun centro de saúde de Padrón denunciado por varias mulleres por abusos sexuais e que, segundo advertiu, “segue en activo no Sergas e que este segue sen actuar”.
“Non se está facendo seguimento das consecuencias post Covid a pesar que son moitas as mulleres que teñen manifestado efectos adversos; non hai en Galiza o número de matronas suficientes; non se atenden as reclamacións da Asociación querENDO no que atinxe ao tratamento da endometriose, poderiamos dicir exactamente o mesmo da fibromialxia; a proposta de unidades pélvicas presentouna hai un ano o BNG e o PP votou en contra e agora vostedes din que o anunciou o conselleiro no pleno anterior; iso é o que fan vostedes, anuncios”.
Con esta contundencia resumiu Prado a realidade do que está acontecendo nos distintos ámbitos das medidas propostas, polo que retou ao PP a apoiar a iniciativa nacionalista “se queren realmente actuar en favor da sanidade das mulleres con medidas moi concretas como as que traemos hoxe aquí”, concluíu.