O PP rexeita a proposta do BNG para incrementar o persoal de gardapeiraos e mudar as condición laborais e salariais
Rosana Pérez acusa á Xunta de “mentir” sobre a nova RPT e manter “nunha situación fraudulenta” ao colectivo ao tempo que beneficia a empresas privadas para realizar parte das funcións dos gardapeiraos
Critica “o afán recadatorio” de Portos de Galiza grazas aos datos recollidos polos gardapeiraos
A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez afirmou que a Xunta e Portos de Galiza “fan ouvidos xordos” ás demandas laborais e salariais dos gardapeiraos. A través dunha proposición non de lei para incrementar o número de celadores de gardapeiraos e mellorar as súas condicións de traballo, a deputada afirmou que a política persoal da Xunta e de Portos de Galiza “raia a ilegalidade”.
Os celadores gardapeiraos, explicou Rosana Pérez, teñen un contacto directo coas persoas usuarias dos portos, supervisan, vixían e informan do cumprimento das normativas. Ademais, colaboran coas forzas de seguridade, controlan os vertidos portuarios e as rías, a ocupación da superficie, a circulación dos vehículos e a seguridade vial nos portos.
Por outra parte, tamén controlan as emerxencias, a pesaxe nas básculas para obter os datos imprescindíbeis na facturación da maioría das taxas, tarifas e obteñen os datos para que Portos “faga caixa”.
Para a execución de todas estas funcións, Portos de Galiza dispón de 43 persoas, “43 persoas para 122 portos, 43 persoas dun total de 109 traballadores e traballadoras, 43 persoas que representan case o 40% do cadro de persoal de Portos e que na maioría dos casos, cunha actividade itinerantes e a grande distancia duns portos a outros”.
Para a deputada, o primeiro problema do colectivo é “a insuficiencia de persoal paras as múltiples funcións que desempeñan nos portos de titularidade galega”. Ante esta eiva, recalcou a nacionalista, urxe convocar prazas para incrementar o persoal, pero nin Portos de Galiza nin a titular de Mar teñen tomado algunha iniciativa nesta dirección, máis ben ao contrario, o que realmente lles preocupa, afirmou é “entregar este servizo público a empresas privadas”.
4,1M€ ao ano pola vixilancia privada en oito portos galegos
Neste sentido, lembrou que xa foron privatizadas a seguridade portuaria e os accesos aos peiraos, función que corresponde aos celadores gardapeiraos Tamén pagamos todos os meses aos “vixiantes de seguridade privada” que fan as función dos gardapeiraos .Tan só a seguridade de 8 portos que reciben embarcacións internacionais supón “un custe para os galegos e galegas de 4,1 M€, ao ano”.
Na súa intervención, Rosana Pérez tamén se referiu a aprobación da Lei de Portos do ano 2017 e a promesa do propio presidente da Xunta: “os policías portuarios serán máis que funcionarios e gozarán da condición de axentes da autoridade no exercicio das súas funcións”. Esa promesa, explicou a nacionalista, “non se cumpriu” e constata “un verdadeiro descoñecemento da lei e da situación” xa que a categoría de policía portuaria só existe nos portos estatais, nos portos galegos existen gardapeiraos con funcións de policía administrativa portuaria e os gardapeiraos “non eran funcionarios e seguen sen selo”.
Portos de Galiza “fai oídos xordos” a esta situación e non apoia nin ampara ao colectivo cando viven situacións conflitivas “e incluso de agresións”.
A resposta á situación “fraudulenta” destes traballadores non pode ser a elaboración dunha RPT, despois de tantos anos, para permanecer na mesma situación, precariedade e multifunción. A resposta, remarcou Rosana Pérez, non pode ser “o baleirado das súas funcións” para entregarllas ás empresas privadas e seguir deteriorando o servizo.
O PP rexeita a proposta do BNG para incrementar o persoal e mellorar as condicións
Rosana Pérez propuxo na Comisión de Pesca un acordo de todas as forzas políticas para mellorar as condicións laborais e salariais dos gardapeiraos ao que o PP respondeu que para incrementar as prazas resulta necesario elaborar unha RPT sobre a que está traballando a Xunta. A parlamentaria replicou que o PP “minte” cando anuncia a negociación dunha RPT que sigue “cocéndose por Portos de Galiza pero sen os representantes dos traballadores”.
A deputada lamentou que o PP reiterara a mesma posición e non avanzara medidas para mudar a política de persoal dos gardapeiraos. A Xunta, dixo, “debe mirar máis polos intereses xerais e menos polos das empresas privadas”, concluíu.