O PP rexeita a proposta do BNG para garantir o futuro da planta de residuos de Lousame
O portavoz de Medio ambiente do BNG, Luís Bará lamentou o voto en contra do Partido popular á proposta do BNG para “establecer liñas de colaboración e cooperación coa Mancomunidade Serra do Barbanza para garantir a continuidade, viabilidade e mellora do sistema de recollida e tratamento da planta de residuos de Lousame”.
A proposición non de lei, defendida polo deputado do BNG incluía: “colaborar economicamente na dotación de medios materiais necesarios para a modernización e mellora da planta e rexeitar a campaña de ataque contra o sistema Lousame coa intención de transformar a planta de tratamento de residuos, nunha planta de transferencia integrada en SOGAMA”.
Bará reiterou que os datos sobre a política de residuos do Partido popular constatan o “seu fracaso” e criticou o argumento da Xunta para xustificar que Galiza acadou o 15% no ano 2020 cando en realidade tiña que alcanzar o 50%, en materia de recuperación e reciclaxe “estamos a cola do estado”.
Por outra parte, denunciou a falta do Plan de Xestión de residuos urbanos de Galiza cando o anterior xa caducou no ano 2020 e o Partido popular continúa tomando “decisións de maneira improvisada”. Un días, ocorréselles facer unha planta e ao seguinte queren reconverter as plantas de transferencia para recoller materia orgánica. Para qué, preguntou, que van facer con esa materia orgánica? Van levala a queimar a SOGAMA?. Esta medida é contraria a normativa europea pero o PP segue baseando a súa política de xestión de residuos “na incineración e no vertedoiro” e rexeitando todo o relacionado coa económica verde. O PP “falsifica a realidade de maneira perversa” e non ten a valencia de comparecer no parlamento para dar conta de todas estas cuestións. Fan “unha guerra soterrada e lanzando insidias” para boicotear outros sistemas, recalcou o deputado.
A directiva europea, explicou fixa que os estados membros deben adoptar as medidas necesarias para que os residuos sexan obxecto de preparación para a reutilización e que deben ser recollidos de maneira separada. Pero tamén establece que a recollida conxunta non debe afectar á preparación para a súa reutilización. “Si se recollen xuntos, metais, envases, etc. deben ser separados na planta”.
Neste sentido, considerou que a Xunta debe “mudar a actitude de confrontación pola de cooperación coa outros sistemas como o de Lousame” que, coas melloras necesarias, contribuirían ao cumprimento das novas esixencias da normativa de residuos. En lugar de atacar e socavar o proxecto da Mancomunidade Serra do Barbanza, “o goberno galego deberían establecer liñas de colaboración e mesmo de apoio económico para garantir a súa continuidade, viabilidade e modernización”.
Ademais, indicou que o desmantelamento de Lousame, suporía un retroceso desde o punto de vista social e ambiental e con graves consecuencias no ámbito laboral, xa que se “perderían arredor de 100 postos de traballo dos 160 con que conta actualmente o complexo”. Isto, reiterou o nacionalista representa un duro golpe económico, xa que estamos a falar dun dos principais centros de traballo da contorna. E ademais tería unha “especial incidencia negativa no emprego feminino, que é maioritario na planta de tratamento de Lousame”, concluíu.