PP rexeita no Parlamento a iniciativa do BNG para condenar o xenocidio de Israel en Gaza
O BNG promoveu este mércores na Comisión 1ª unha resolución do Parlamento de Galiza, que rexeitou o PP, para “condenar coa máxima firmeza a brutal ofensiva do Estado de Israel sobre Gaza que supón o bombardeo indiscriminado de toda a faixa, o asasinato de miles de vítimas civís inocentes, o desprazamento obrigado da poboación, a destrución de vivendas e hospitais, o bloqueo do acceso e da axuda humanitaria, e a utilización da fame como arma de guerra”.
A resolución foi defendida pola deputada Iria Taibo, quen destacou a importancia de “tomar partido” ante o xenocidio que se está a producir e “non só con boas palabras” senón con accións concretas “que fagan explícito os asasinatos e as políticas que están levando a cabo o Estado de Israel”, cuxo exército matou xa máis de 34.400 persoas en seis meses de intervención militar en Gaza. “O número de crianzas asasinadas por Israel supera a todas as vítimas de conflitos bélicos no mundo desde 2018”, subliñou a deputada nacionalista na defensa da iniciativa.
Unha iniciativa que recollía exixir o cesamento da ofensiva de destrución de Gaza, o respecto á lexislación internacional de dereitos humanos, o levantamento do bloqueo por terra, mar e ar, e a apertura de corredores para facilitar a actividade das organizacións humanitaria.
Así mesmo, a resolución que promovía o BNG -que si apoiaron o resto de grupos da oposición- reclamaba ao Estado de Israel o cumprimento das resolucións da ONU que condenan a ocupación dos territorios palestinos e as políticas de colonización e de apartheid.
En liña coas resolucións de Nacións Unidas, outro punto da iniciativa era apoiar o recoñecemento do Estado palestino “como única vía para construír a paz na zona e a normalización da vida na poboación palestina”.
Mostrar o apoio a todas as iniciativas encamiñadas a acabar co conflito bélico e intensificar as canles para establecer a paz, defender na UE o incremento da axuda humanitaria, amosar o apoio á prohibición do comercio de armas con Israel e deixar sen efecto o acordo de Asociación Estratéxica entre a UE e o estado de Israel eran outras das cuestións que incluía a resolución promovida polo Bloque, na que tamén se pedia expresar o apoio do Parlamento de Galiza á aprobación de sancións económicas contra Israel e á investigación da Corte Penal Internacional sobre os crimes de guerra e contra a humanidade perpetrados por Israel.
“Só lles pedimos que digan si están a favor ou en contra do xenocidio que está a causar Israel contra o pobo palestino”, díxolles Taibo aos deputados do PP, aos que recriminou o seu voto en contra e que utilizasen o debate da iniciativa para falar de cuestións que nada teñen que ver co masacre indiscriminado que está a sufrir o pobo palestino.