O PP rexeita a moción do BNG para revisar e corrixir as eivas da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade
Mercedes Queixas cualifica de “fracaso” da Xunta a tramitación da candidatura e pide revisala e corrixir as eivas recollidas polo ICOMOS
A nacionalista lamentou o voto en contra do PP á moción do BNG para reforzar o equipo de traballo da candidatura, atender ás alegacións de diversos colectivos e reformular a declaración BIC da Ribeira Sacra
A deputada do BNG, Mercedes Queixas cualificou de “fracaso” da Xunta de Galiza a tramitación da candidatura da Riberia Sacra para a súa declaración de Patrimonio da Humanidade e pediu ao Partido popular “unha rectificación” para revisar e rectificar as eivas sinaladas polo Consejo Internacional de Monumentos y Sitios, ICOMOS, encargado de aconsellar a UNESCO e ao Comité de Patrimonio incluír un Ben cultural na lista do Patrimonio Mundial.
Queixas lembrou que nunha anterior iniciativa, o BNG preguntou polo organismo e persoas que elaboraron a candidatura, proceso de concurso, adxudicación e custe para nos impostos das galegas e galegos así como o anunciado Plan estratéxico da Ribeira Sacra porque seguimos, dixo “sen atopalo” ao igual que a documentación solicitada.
Propostas do BNG para revisar a candidatura
A nosa moción, engadiu Mercedes Queixas, recolle propostas contrastadas cos colectivos especializados e entidades locais para contribuír á revisión da candidatura e lembrou que o conselleiro afirmou en sede parlamentar: “hai que rectificar, hai que avaliar, hai que reconfigurar”, pois ben, recalcou , “aquí esta a nosa proposta para corrixir os erros e retomar a proposta co fin de : revisar a candidatura presentada ante a UNESCO e avaliar a resposta negativa do ICOMOS reforzando o equipo de traballo, con persoas de experiencia contrastada, e tendo en conta a necesidade de promover unha abordaxe multidisciplinar da mesma.
A deputada tamén reclamou “unha avaliación do orzamento investido na xestión da candidatura, obxectivos conseguidos, depurar responsabilidades e estabelecer un novo orzamento para a abordaxe desta reformulación que agora se precisa facer.”
Na súa opinión, urxe “abrir un proceso de participación con todos os sectores implicados no coñecemento, estudo e posta en valor da Ribeira Sacra”, recollendo as aportacións da poboación local das ribeiras e paisaxe BIC e avaliar o impacto da zona de protección das grandes estruturas industriais que poden condicionar a protección patrimonial e ambiental.
Se queremos conseguir a Declaración de Patrimonial da Humanidade, é necesario reformular a declaración BIC da Ribeira Sacra, estabelecer un calendario veraz para a candidatura que permita obter a declaración de Patrimonio da Humanidade sen que outras candidaturas do estado interfiran na presentación, defensa e valoración da mesma, fomentar unha rede de apoio local que visibilice o compromiso da poboación coa candidatura e desenvolver un Plan de Xestión e Usos ambicioso e acorde coas demandas da UNESCO para os territorios declarados Patrimonio da Humanidade.
Tras a resposta da deputada popular, Raquel Arias, a nacionalista afeou ao PP por non aproveitar o debate da moción do BNG para facer “autocrítica” do fracaso da candidatura. Vostedes, afirmou, “Néganse a mudar, aprender e rectificar o rumbo da historia” e seguen agochados en plans para xustificar “como ciscar cartos” que non responden a un proxecto coordinado e testado pero o ICOMOS descubriu esta estratexia “manipuladora e falida”.
Falan agora do seu compromiso para declarar BIC todo o románico da Ribeira Sacra. Preguntámoslles: por que non aceptaron as alegacións neste sentido do Sorriso de Daniel ou do propio BNG? Anunciaba o conselleiro, no anterior pleno, que no mes de setembro comezarían os traballos dos técnicos da Xunta de Galicia e os técnicos do Goberno do Estado cos técnicos de ICOMOS. Xa convocaron a veciñanza, colectivos coñecedores do terreo e asociacións locais? Facemos esta pregunta porque foi unha das eivas que sinalou o propio ICOMOS así como a inexistencia dunha planificación política patrimonial do Partido Popular na Xunta baseada no “coidado, protección e posta en valor”.
Non sigan a dar “tombos” e poñan en marcha un Plan Director cun Plan de Xestión claro centrado na poboación local e recoñezan “o valor universal” da Ribeira Sacra como “paisaxe cultural”, concluíu.