O PP rexeita mellorar os servizos de Hemodinámica e radioterapia do HULA
O deputado do BNG, Cosme Pombo reclamou abrir as camas pechadas, contratar persoal para garantir unha atención de calidade e optimizar os servizos de hemodinámica, radioterapia e medina nuclear do HULA
O deputado do BNG, Cosme Pombo reclamou hoxe ao Goberno galego, a través dunha Proposición non de lei reabrir as unidades e camas pechadas e contratar ao persoal necesario para garantir unha atención sanitaria de calidade.
Na intervención, o nacionalista explicou que dende o 2011 Feijóo inaugurou o HULA asegurando que funcionarían integramente os servizos para atender o cancro e os infartos, hemodinámica, medicina nuclear e radioterapia ademais de anunciar que nese mesmo trimestre iniciaríanse os servizos pendentes e co compromiso que doentes con problemas de corazón ou cancro que antes se desprazaban a Santiago ou Coruña poderían ser atendidos no seu hospital público de Lugo, neste mesmo ano pero a realidade, dixo, é que carecemos dos servizos prometidos.
Hoxe no ano 2015, catro anos despois, engadiu, lamentabelmente hemodinámica só funciona en horario de oficina, e radioterapia e medicina nuclear non existen. O deputado reclamou da comisión de sanidade un compromiso activo para evitar unha nova discriminación na atención sanitaria dos lugueses e luguesas e a posta en servizo das camas do HULA que permanecen pechadas a día de hoxe.
O PP nega a falta de servizos no HULA
O portavoz do PP, Alfonso Núñez Centeno recoñeceu o peche de 174 no HULA por mor da reorganización durante os meses de verán e para que os profesionais poidan gozar das vacacións así como ante os baixos índices de ingresos hospitalarios.
O portavoz popular tamén negou a saturación dos servizos de urxencias e grazas ao Partido popular, dixo, o hospital de Lugo ten unha unidade de hemodinámica e só queda por instalar un acelerador nas salas de radioterapia. Todas as camas están operativas pero non ocupadas, afirmou.
O parlamentario do BNG lamentou que o PP sega defendendo marxinar aos lugueses e luguesas e continúen os recortes para beneficiar a sanidade privada e reiterou que o 60% dos pacientes coronarios teñen que desprazarse fora da provincia por non falar dixo, da ruta do cancro.
O nacionalista afirmou que o PP só ten unha planificación para o HULA recortar, recortar e recortar e defender a sanidade privada.
A iniciativa nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.