O PP rexeita a iniciativa do BNG para mellorar a EDAR de Noia
BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta dote dunha partida orzamentaria específica para comezar a realizar nesta mesma anualidade un investimento de 1.325.000 euros destinados á urxente mellora e actualización da Estación Depuradora de Augar Residuais (EDAR) de Noia, tal e como recolle o Plan Director de Saneamento deste municipio.
De igual xeito, a deputada Rosana Pérez defendeu nunha iniciativa ante a comisión parlamentaria de Obras Públicas a posta en marcha dun convenio de colaboración entre Augas de Galiza e o Concello para a xestión do mantemento da rede de saneamento da vila, impedindo así que o abandono da infraestrutura volva provocar os importantes problemas que leva causado dende 2016.
Por último, tamén avogou por que o Goberno galego estableza conxuntamente co goberno local un calendario de investimentos para a posta en marcha do resto de accións necesarias para a mellora da rede de saneamento en Noia, tal e como tamén recolle o devandito plan director.
Pérez recordou que, coincidindo coa chegada do PP á alcaldía en 2015, a Xunta “esqueceuse” do desenvolvemento deste plan director -redactado por ela mesma en 2008, a petición do grupo municipal do BNG, que naquel momento asumía a xestión das competencias en Urbanismo e Control da Obra Pública- e o novo goberno municipal de facer as xestións necesarias para buscar a súa colaboración na mellora da rede de saneamento, tan importante ademais para a calidade das augas da ría de Muros e Noia, principal motor económico no plano local e comarcal.
A deputada do Bloque incidiu en que, a día de hoxe, tanto a falta de investimento por parte do Executivo galego, como o abandono das labores de mantemento por parte do actual goberno local, provocaron que as estacións de bombeo e a propia EDAR da localidade teñan un funcionamento deficiente que está a chegar aos niveis previos aos investimentos postos en marcha en 2013. “Aí ficou o Plan Director de Saneamento de Noia do 2008, nuns investimentos moi necesarios no 2013 pero nun posterior abandono por parte do PP na Administración galega e na local, que propiciou un deterioro total da rede de saneamento e que levou á redacción do segundo e actual plan director, de 2021”, afondou.
Ao seu xuízo, este último plan comezou xa con mal pé dados os inexistentes investimentos recollidos nos orzamentos da Xunta para esta anualidade e, neste sentido, recordou que foi o BNG o que presentou unha emenda ás contas galegas de 2022 presentadas polo Goberno de Núñez Feixóo para incluír a necesaria partida de 1.325.000 euros que permitise actualizar e mellorar a EDAR, emenda que foi rexeitada no seu día polo PP.
Rosana Pérez advertiu dalgúns dos datos recollidos no plan director de 2021, que retratan as preocupantes deficiencias da rede, cun 25% da poboación (4.100 persoas) desconectada da rede e vertendo directamente ao medio, en moitas ocasións directamente aos ríos e á ría, e onde a EDAR, no seu estado actual, só é quen de xestionar, no mellor dos casos, o 42% das augas residuais que chegan ao sistema.
Neste sentido, cómpre lembrar que no propio plan director se di textualmente que “se ben coa posta en marcha das novas estacións de bombeo no ano 2013 se producir o efecto desexado (redución de verteduras e incremento do volume tratado), as deficiencias de mantemento cando non o abandono das novas infraestruturas de bombeo teñen xerado unha involución nos datos de volume tratado que, de seguir na tendencia actual, rematará por reproducir a situación precedente á execución das novas estacións de bombeo do sistema de saneamento”.
A deputada nacionalista reprochou o voto negativo do PP a esta iniciativa e concluíu que o desleixo da Xunta cos problemas estruturais da rede de saneamento noiesa é manifesto.