O PP rexeita unha iniciativa do BNG para reabrir a sala de partos de Verín
A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas defendeu hoxe unha proposición non de lei na comisión de sanidade instando á Xunta a “rectificar” a súa decisión de suprimir a sala de partos do Hospital de Verín e o desmantelamento das urxencias pediátricas. Ademais, a parlamentaria tamén reclamou fixar unha data para unha reunión coa comunidade hospitalaria de Verín co fin de elaborar o calendario e orzamento para dar repostas a súas demandas, “comprometéndose a ofrecer un servizo de calidade mantendo o catálogo de servizos do hospital e subsanando deficiencias nos servizos de cirurxía, dermatoloxía, sala de partos e pediatría hospitalaria.”
Na defensa da iniciativa, Presas acusou ao Partido popular de “manipular” e poñer en valor a decisión da muller que hai uns días decidiu parir en Vigo. A deputada afirmou que esta decisión obedeceu a motivos persoais que foron explicados pola propia muller entre os que destacou ser traballadora do hospital de Vigo. O que o BNG defende, recalcou a nacionalista é que “as mulleres que queren parir en Verín o poidan facer”, esa é a cuestión e non que unha muller que decide parir en Vigo o faga. O importante é que unha muller da Gudiña si quere parir en Verín poda facelo e non verse obrigada a percorrer cen quilómetros e unha hora até Ourense.
Ademais, o PP continua “mentindo e manipulando sobre o déficit de pediatría”. Este déficit foi imposto por vostedes e as políticas da EOXI de Ourense e hai sentenzas que corroboran as situación dos pediatras . Vostedes, reiterou Presas, “crearon un problema e agora deben resolvelo”.
A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular negando todas as denuncias realizadas pola nacionalista. Presas reiterou que a nefasta política sanitaria da Xunta de Galiza e a súa folla de ruta intensificada a partir da aprobación da reforma da lei de saúde leva a unha “situación límite” a hospitais coma o comarcal de Verín. Dende o BNG rexeitamos as desculpas “técnicas” do SERGAS sobre a falta de especialistas en pediatría, unhas dificultades provocadas pola mala previsión da Xunta de Galiza, que ignora as xubilación dos facultativos e as deficientes condicións que ofrecen ás e aos profesionais que acaban marchando a outras partes de Galiza ou do Estado.
Presas pediu ao PP que abandone “a demagoxia e asuma a realidade”. Fagan o posible para cubrir as prazas no Hospital de Verín, escoiten aos miles de persoas que demandan nas rúas “unha rectificación”. Utilicen a contratación directa e abandonen a estratexia da negación, concluíu.