O PP rexeita a iniciativa do BNG para construír un centro de saúde en Bouzas, Vigo
Luís Bará lamenta que o “sectarismo do PP” castigue a Vigo prexudicando gravemente aos veciños e veciñas vigueses
O deputado do BNG, Luís Bará lamentou hoxe que o Partido popular, novamente, se pronuncie en contra dos intereses dos vigueses e viguesas votando contra a construción do Centro de Saúde de Bouzas como contemplaba o proxecto inicial do Sergas.
Bará afirmou que coa chegada de Núñez Feixóo ao goberno foron paralizados todos os proxectos e lembrou que no ano 2009 existía unha partida de 2,5 millóns de euros para construír o Centro de Saúde de Bouzas paralizado coa escusa dun informe en contra de Patrimonio, medida que, a xuízo do deputado, respondía claramente a “unha decisión política”.
O parlamentario do BNG lembrou que no ano 2012 abriu un novo centro en Navia destinado a atender a 45.000 persoas converténdose ao cabo do tempo, “nun dos centros máis saturados da cidade de Vigo” ademais de estar infradotado de medios humanos e materiais.
Bará asegurou que a atención sanitaria de Bouzas “foi peloteada para Navia e Coia” ao que sumou o peche do centro de Beiramar derivando parte da poboación ao centro Rosalía de Castro, moi distante da zona de Bouzas e con comunicacións deficientes no transporte público.
Tras moitas denuncias dos colectivos veciñais de Bouzas e a presión política no Parlamento galego, Sanidade anuncia no ano 2017 que está estudando a viabilidade do centro pero que continúa a espera de dispoñibilidade orzamentaria e no 2018 a Xunta, engadiu Bará, anuncia a petición de licencia no concello de Vigo pero sen o pertinente informe de Patrimonio que segue pendente. Para o deputado, a cronoloxía dos feitos constatan que a Xunta quere “dilatar os prazos” e retrasar calquera tipo de actuación xa que o lóxico despois de oito anos, sería negociar con Patrimonio unha solución con encaixe no casco histórico de Bouzas para aforrar “trámites, tempos e prazos”.
Bará denunciou que a Xunta reduciu á metade o Centro de Saúde ao reducir o orzamento de 2,5 millóns a 900.000 euros e un centro coa previsión de seis profesionais para atención médica tamén o reduce a tres, ademais de eliminar a atención pediátrica e a praza da traballadora social. Para o deputado, a proposta do Partido popular é “unha fraude” e vai contra as demandas dunha poboación de 15.000 habitantes.
O deputado cualificou de “insuficiente” a partida contemplada para o centro nos orzamentos para o ano 2019 polo que volveu reclamar a súa construción respectando a dimensión inicial, cos seis equipos de medicina de familia e as prazas de pediatría e traballo social.
Trala resposta da portavoz do Partido popular, García Miguez, o deputado nacionalista reiterou que o centro de saúde de Bouzas “é un minicentro” e preguntou como serán atendidas 10.000 persoas co cadro medico previsto. Bará pediu ao PP que deixe “de castigar a Vigo por partidismo e sectarismo” como leva feito durante estes nove anos.
“O centro de saúde de Bouzas non está feito” remarcou o nacionalista que tamén lamentou a negativa do Partido popular para que prosperara a iniciativa do BNG.