PP rexeita unha iniciativa de BNG para investigar á empresa Babcock do servizo de helicópteros para salvamento marítimo
A deputada e portavoz en materia de pesca do BNG, Rosana Pérez instou á Xunta a “investigar as posíbeis responsabilidades da empresa Babcock España, adxudicataria do servizo e mantemento de helicópteros de Gardacostas de Galiza”, así como penalizar os presuntos incumprimentos do contrato.
O texto defendido pola nacionalista foi rexeitado polo grupo maioritario do Partido popular por considerar que as demandas do BNG xa foran atendidas pola consellería de Pesca, resposta que non convenceu a Rosana Pérez que de novo reclamou investigar, aplicar as penalizacións establecidas no contrato por posíbeis incumprimentos do mesmo, poñer en marcha mecanismos legais para a rescisión do contrato con Babcock España e iniciar actuacións para recuperar a xestión pública do Servizo de Gardacostas de Galiza.
O PP exculpa á Xunta e á empresa
A deputada do BNG lamentou que o PP votara en contra da iniciativa nacionalista e criticou que o Partido popular “exculpa á Xunta e a empresa” e mesmo cualificara de “satisfactorio o cumprimento do contrato”.
Na súa intervención, a parlamentaria explicou que o pasado mes de outubro o BNG denunciaba no Parlamento determinados incumprimentos da empresa Babcock España, adxudicataria dos servizos de operación e mantemento dos helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galiza, e dende aquela, dixo, continúan as irregularidades das condicións establecidas no prego de contratación, sen que nos conste que a Consellería tivese velado polo seu cumprimento. “Moi ao contrario”, Babcock España ten tomado distintas medidas coercitivas contra os traballadores e mesmo algún despido aducindo “diminución continuada e voluntaria do traballo”.
O incumprimento sistemático das prescricións contractuais por parte da empresa e a situación intolerábel á que está a someter aos seus traballadores debera ser motivo de atención inmediata, por parte da Consellería do Mar, sobre todo porque é “un servizo vital para a xente do mar e ponse en grave risco ás tripulacións e a resposta da seguridade”.
Rosana Pérez lembrou os graves incumprimentos xa denunciados no mes de outubro, como o mantemento durante dúas semanas do Pesca 1 de Vigo sen flotadores, elemento de seguridade vital que o propio contrato recolle como obrigatorios, e mantendo ese helicóptero operativo pero limitando a súa operatividade a unha distancia de 20 millas. “limitación da que a Xunta debería ter coñecemento”, remarcou.
Ademais, engadiu, o 30 de outubro, mentres o Pesca 1 de Vigo continuaba nesas condicións foi solicitado un servizo para facer unha evacuación médica a unhas 90 millas das illas Cíes, ante as limitacións do Pesca 1, foi atendido polo Helimer 402 da Coruña que trasladaría ao capitán do buque quimiqueiro “Gogland” ata o aeroporto de Vigo. “Quen pode saber si o Pesca 1 estivera operativo e ao lado da Illas Cíes podería trasladar ao tripulante a terra e o desenlace non sería o seu falecemento”, preguntou. É algo que evidentemente, “nunca saberemos”.
A partir de aí, a empresa traslada o helicóptero con base en Viveiro á base de Vigo con total operatividade e mantén na base da Mariña de Lugo un helicóptero de substitución que, de novo, “non cumpre os requisitos esixidos no contrato”. Un helicóptero que sen as capacidades suficientes para desenvolver o traballo con garantías leva na base de Viveiro case o 50% dos días de servizo no que vai de ano.
Por outra parte, a nacionalista recriminou ao Partido popular por responsabilizar a un piloto de non estar operativo ao encontrarse realizando unha formación. Unha empresa destas características, explicou a deputada, ten a “obriga de contar con pilotos suficientes” e de non ser así, “é responsabilidade da propia empresa como figura no contrato”.