O PP rexeita dez propostas do BNG para impulsar as Artes Escénicas en Galiza
Ana Pontón reclamou á Xunta apoio público á creación e exhibición, incrementar as dotacións para programacións de Artes escénicas da Rede Galega de Teatro e Auditorios e a impliación do AGADIC na defensa dos intereses do sector.
A deputada do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe, na comisión de Cultura, o apoio real do Goberno galego ás Artes escénicas galegas incrementando as dotacións para as programacións de circuítos culturais e da Rede Galega de teatros e auditorios.
A nacionalista denunciou o afogamento económico e recortes á cultura aplicados durante os últimos anos pola Xunta de Galiza sendo o sector das Artes escénicas un dos máis prexudicados. Neste sentido, recalcou que todos os galegos e galegas temos dereito á cultura e o parón nas Artes escénicas supoñen unha eiva neste dereito polo que defendeu unha Proposición non de lei con dez propostas destinadas a impulsar o sector.
Panorama desolador das Artes Escénicas en Galiza
A parlamentaria botou man dos datos publicados no informe do Consello da Cultura galega que reflicte un panorama desolador nas artes escénicas ao constatar que ano 2013 o teatro en Galiza pechou con 1.495 funcións cando no ano 2007 foron 2.747. Nos últimos cinco anos,dixo Pontón, representáronse case a metade das funcións teatrais. Segundo o informe, tamén desapareceron en Galiza dez festivais teatrais. Esta situación, afirmou, obedece a varias causas entre as que destacou: os recortes nas redes de distribución, a desaparición da obra social das Caixas de Aforros e sobre todo á responsabilidade directa da Xunta de Galiza.
A deputada defendeu dez propostas instando á Xunta a: ampliar a cobertura xeográfica da oferta pública de programación de espectáculos de artes escénicas, incrementar o apoio á creación e exhibición, activar a produción do Centro de Arte Dramático Galego e Centro Coreográfico galego, establecer un calendario estable para convocar axudas ás artes escénicas, reactivar a Feira Galega das Artes Escénicas como plataforma para venda e exportación das producións galegas, medidas de apoio á incorporación das mulleres á dirección de espectáculos , un programa cultural especifico no ámbito escolar e que o AGADIC teña unha participación activa na defensa dos intereses do sector.
O PP rexeita as propostas do BNG
Pola súa parte o portavoz do PP, Agustín Baamonde anunciou o voto contrario á iniciativa nacionalista por considerar que algunhas das medidas xa están en marcha e non hai recursos para asumir as propostas do BNG que ademais cualificou de programa electoral.
A deputada lamentou a falta de argumentos do Partido popular e recalcou que a iniciativa é unha proposición non de lei con dez puntos e propostas concretas, non é un programa electoral. Despois de agradecer o apoio á iniciativa ao resto dos grupos da oposición afirmou que o PP volve a mostrar, unha vez máis, o seu dogmatismo negándose a aceptar calquera proposta que non proveña do Partido popular.